- No marco da Semana Europea da Prevención de Residuos, educadores de Sogama impartirán mañá, martes, 21 de novembro, ás 16:30 horas, no Centro Social da localidade, unha sesión formativa na que tamén se incidirá na correcta separación dos residuos en orixe para propiciar o seu posterior reciclado
- Os asistentes serán obsequiados con distinto merchandising corporativo (cubos marróns domiciliarios para a materia orgánica, bolsas da compra pregables e reutilizables, e packs de bolsas compostables)
Cerceda, a 20 de novembro de 2023.- Un ano máis, Sogama participa activamente na Semana Europea da Prevención de Residuos, que nesta ocasión ten lugar entre os días 18 e 26 de novembro, e farao co obxectivo de promover o bo uso do contedor marrón nalgúns dos concellos que entregarán a súa materia orgánica na planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa e tamén para seguir incidindo na correcta separación de residuos en orixe a fin de propiciar o seu posterior reciclado.
Así, e baixo o lema “O marrón, o contedor que devolve vida”, educadores de Sogama impartirán os próximos días sesións formativas en distintos concellos, entre os que figura o de Boiro, onde a charla se celebrará mañá, martes, 21 de novembro, ás 16:30 horas, no Centro Social da localidade.
O obxectivo destas sesións é explicar á veciñanza a razón de ser deste novo recipiente, que residuos deben, e non deben, depositarse no mesmo, o necesario uso de bolsas compostables para introducir neste recipiente a materia orgánica, e o tratamento que esta fracción recibirá na planta de Vilanova de Arousa para ser convertida en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo.
Así mesmo, este encontros serán aproveitados para incidir na necesaria aplicación, por parte da cidadanía, do principio europeo dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), tamén para lembrar os materiais que deben introducirse en cada un dos contedores de recollida selectiva situados nas vías públicas e resolver as dúbidas que, ao respecto, poidan presentar os asistentes, os cales, ademais, serán obsequiados con distinto merchandising corporativo, como é o caso de bolsas pregables e reutilizables para a compra, rolos de bolsas compostables ou cubos marróns para o depósito da materia orgánica.
A planta de Vilanova de Arousa, máxima eficiencia e respecto ambiental
Cabe lembrar que a planta de Vilanova, á que se destinou un investimento de 15,83 M€, ten capacidade para tratar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica e 7.000 toneladas de material estruturante (podas e restos de madeira), estimando unha produción anual de 6.000 toneladas de compost de alta calidade, que será utilizado no sector da agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.
A instalación integra as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído.
Cabe destacar a reutilización de auga de pluviais para rego e baldeos, e a reutilización dos lixiviados xerados en fases seguintes do proceso, o que evidencia a minimización do impacto ambiental da planta e a súa contribución á redución da pegada hídrica. Pola súa banda, a través dos biofiltros evítanse os cheiros nas inmediacións, mantendo o máximo compromiso coa contorna.
Ademais, unha parte da mesma é autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao dispoñer de paneis solares fotovoltaicos, contribuíndo desta forma á descarbonización e á loita contra o cambio climático mediante o impulso das enerxías renovables.
Saúdos, Departamento de Comunicación