- Con esta nova partida, que subministrará Sogama, serán 190 as familias que participarán nesta iniciativa
Cerceda, a 25 de setembro de 2023.- O Concello de Cabanas (A Coruña), co apoio de Sogama, estende o seu programa de compostaxe doméstica a 50 novas vivendas. Con tal fin, a empresa pública subministrará ao ente local outros tantos composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, permitindo que medio cento máis de familias poidan autoxestionar a súa propia materia orgánica, cos beneficios que isto representa a nivel ambiental, económico e social.
Esta nova partida, sumada a outras anteriores achegadas pola empresa pública, fan un total de 190 os domicilios do municipio que participarán activamente nesta iniciativa. Condición indispensable para formar parte da mesma é que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, pechando desta forma o ciclo de aproveitamento dos refugallos orgánicos, que regresan de novo á terra transformados en compost, un abono natural que, ademais de achegar nutrientes a plantas e cultivos, tamén os preserva fronte a pragas e enfermidades.
O composteiro debe situarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo co solo para permitir a entrada dos microorganismos descompoñedores. Así mesmo, os usuarios deben encargarse de realizar unha mestura homoxénea d ematerial húmido e seco, e controlar parámetros de gran importancia para lograr un resultado satisfactorio, como é o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade.
Toda a información en https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/
Saúdos, Departamento de Comunicación