- Tras unha intensa campaña informativa e formativa enmarcada no programa municipal “Ti tes a chave”, efectuou a súa primeira entrega o pasado venres.
- A día de hoxe, xa son 658 familias as que participan nesta iniciativa, ademais de 99 grandes produtores.
Cerceda, a 27 de xullo de 2020.- O concello de Carballo (A Coruña) comezou a utilizar os servizos da planta de compostaxe industrial que Sogama ten en Cerceda. A primeira descarga de materia orgánica recollida a través do denominado quinto contedor, de cor marrón, tivo lugar o pasado venres tras unha intensa campaña informativa e formativa enmarcada no programa municipal “Ti tes a chave”.
A día de hoxe, son 658 as familias participantes nesta iniciativa, ademais de 99 grandes produtores. Non obstante, continúa aberta e cada vez son máis os veciños interesados en formar parte da mesma, dadas as súas grandes vantaxes ambientais e económicas, xa que se propicia a transformación da materia orgánica en compost, un abono con propiedades fertilizantes para o solo, e redúcese a achega de residuos ao contedor verde convencional.
Un stand atendido por educadores especializados atópase percorrendo as rúas do municipio para que os cidadáns que queiran sumarse a esta experiencia poidan facelo desde o máximo coñecemento e asesoramento. Cada participante recibe un kit conformado por un cubo de 10 litros de capacidade, tres packs de bolsas compostables, un tríptico informativo e unha chave para abrir un dos contedores marróns habilitados na vía pública para o depósito de biorresiduos.
Cabe recordar tamén que Carballo conta cun ambicioso programa de compostaxe doméstica no que colabora Sogama a través da subministración gratuíto de composteiros. Ata o momento, a empresa pública entregou ao ente local 355 recipientes destas características para que outras tantas vivendas unifamiliares con terreo poidan elaborar o seu propio compost, encargándose o propio concello da formación dos usuarios e seguimento periódico do programa.
Saúdos, Departamento de Comunicación