- Leva por título “REORGAnicémonos” e presta especial atención á recollida selectiva da materia orgánica a través do contedor marrón, sen esquecer a importancia da aplicación efectiva, por parte da cidadanía, do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
- Para isto habilitarase un punto informativo, atendido por dous educadores medioambientais, e que se ubicará mañá, sábado, 28 de novembro, no Campo da Feira (de 09:00 a 15:00 h), a fin de explicar e asesorar aos transeúntes sobre o papel que poden desempeñar para mellorar a xestión dos residuos urbanos, facéndoa máis sostible.
Cerceda, a 27 de novembro de 2020.- O Concello de Cerceda e Sogama participarán conxuntamente na Semana Europea da Prevención de Residuos 2020 a fin de continuar formando e sensibilizando aos veciños na correcta xestión dos residuos urbanos.
Nesta ocasión, e baixo o lema “REORGAnicémonos”, préstase especial atención á recollida selectiva da materia orgánica a través do contedor marrón, sen esquecer as outras fraccións de residuos, recordando o que debe e non debe depositarse en cada un deles (amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; iglú verde, para os envases de vidro; contedor azul, para o papel e cartón; e verde xenérico, para os materiais non reciclables).
Non obstante, tamén se fará especial fincapé no consumo responsable como peza clave para reducir a produción de lixo, así como na necesidade de alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización.
O punto informativo habilitarse mañá, sábado, día 28, no Campo da Feira (de 09:00 a 15:00 h). Estará atendido por dous educadores medioambientais que informarán aos transeúntes sobre o papel clave que poden desempeñar para mellorar a xestión dos residuos, resolverán as súas dúbidas, proporcionaranlles asesoramento e tamén lles entregarán material didáctico de apoio para que poidan complementar os seus coñecementos neste ámbito.
SOBRE A SEMANA EUROPEA DA PREVENCIÓN DE RESIDUOS
A Semana Europea da Prevención de Residuos (EWRR), na que Sogama veu participando durante os últimos anos, deu comezo o pasado 21 de novembro e estará en vigor ata o vindeiro domingo 29. Constitúe a maior campaña para concienciar sobre a prevención de residuos en Europa, aglutinando a todo tipo de colectivos (cidadáns, escolas, empresas, ONG, asociacións), que se encargan de organizar actividades vinculadas ao principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
O que fai especial esta semana son os esforzos investidos por milleiros de voluntarios que difunden a mensaxe sobre consumo sostible e economía circular nas súas comunidades.
O Comité Directivo da EWWR 2020 está conformado por distintas entidades, entre as que figuran ACR+ (Asociación de Cidades e Rexións para a gestión sostible dos recursos), a Comisión Europea e o Comité Europeo das Rexións.
Saúdos, Departamento de Comunicación