- Colocará 80 recipientes destas características en lugares estratéxicos dos principais núcleos urbanos.
- De forma paralela, está levando a cabo unha campaña informativa, formativa e de concienciación social porta a porta a fin de proporcionar aos veciños as explicacións pertinentes, entregando tamén en cada domicilio un cubo de 10 litros para a recollida de orgánicos, un lote de bolsas biocompostables, así como material didáctico e merchandising.
- A previsión é que o ente local comece a entregar a materia orgánica na planta de compostaxe industrial de Sogama a principios de xullo.
Cerceda, a 26 de xuño de 2020.- O concello de Cerceda (A Coruña) avanza nos preparativos para a implantación efectiva do quinto contedor, de cor marrón, a través do cal recollerá de forma selectiva os residuos orgánicos de carácter doméstico. Con tal fin, colocará 80 recipientes destas características en lugares estratéxicos dos principais núcleos urbanos.
A pretensión do ente local é dar cumprimento aos obxectivos europeos en materia de reciclaxe, incluíndo a posta en valor da fracción orgánica. Para isto, e de forma paralela, está levando a cabo unha campaña informativa, formativa e de concienciación social porta a porta a fin de que os veciños se familiaricen con este novo contedor, de menor tamaño que os existentes, e saiban que poden e non poden depositar no mesmo. Xunto coas explicacións pertinentes, entregarase en cada domicilio un cubo de 10 litros para a recollida de orgánicos, un lote de bolsas biocompostables, así como material didáctico e merchandising.
As familias participantes disporán dunha chave específica para abrir o contedor marrón. Con iso preténdese evitar a entrada de impropios e obter así uns mellores resultados.
A recollida dos restos orgánicos comezará oficialmente o 1 de xullo e a previsión é que o ente local realice a primeira entrega na planta de compostaxe industrial de Sogama o día 3.
Con capacidade para 15.000 toneladas anuais, esta instalación xa vén recibindo, desde o pasado mes de febreiro, a materia orgánica do concello de Laracha e, en breve, dará servizo ao de Carballo. Outras localidades limítrofes atópanse avaliando a posibilidade de adscribirse á mesma.
O concello de Cerceda tamén se adheriu ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, no marco do cal distribuirá 150 composteiros cedidos gratuitamente por esta empresa pública entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horto ou xardín) no que utilizar o compost resultante.
Con este dobre programa de compostaxe, no que se combina o industrial e o doméstico, Cerceda pretende xestionar os seus residuos de forma sostible e avanzar na senda da economía circular mediante a redución en orixe e a posterior transformación en recursos.
Saúdos, Departamento de Comunicación