- Da primeira entrega de materia orgánica nesta instalación foron testemuñas a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, a tenente de alcaldesa e concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez Álvarez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino
- A planta, á que se destinou un investimento próximo aos 6,4 M€, dispón de capacidade para tratar 3.000 t/ano de FORSU, ademais de 1.600 toneladas de material estruturante, estimando unha produción de 1.500 toneladas de compost
- Así mesmo, equipouse con novos e innovadores sistemas de depuración de augas e de aire, así como de control do nivel de ruído, e é autosuficiente desde a dimensión enerxética ao estar alimentada por enerxías renovables
Cervo (Lugo), a 8 de novembro de 2023.-Logo da colocación dos contedores marróns nas rúas, a realización da campaña informativa e formativa necesaria para concienciar aos veciños sobre a necesidade de separar no fogar unha nova fracción de residuos (a orgánica) e a articulación da loxística e os medios para proceder á súa recollida e transporte, o Concello de Cervo estreou esta mesma mañá a planta de biorresiduos situada nesta localidade, concretamente no polígono industrial de Cuíña, onde ocupa unha parcela de case 8.000 m2.
A instalación, á que se destinou un investimento próximo aos 6,4 millóns de euros, dará servizo a outros 14 concellos, isto é, Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro, Xove e o coruñés de Mañón, sumando unha poboación de 689.331 habitantes.
Da primeira entrega de materia orgánica nesta instalación foron testemuñas a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, a tenente de alcaldesa e concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez Álvarez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino.
A planta acolle todo o proceso de compostaxe -pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento- e dispón de capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica, ademais de 1.600 toneladas de material estruturante —é dicir, podas e restos de madeira-, estimando unha produción de 1.500 toneladas de compost, cuxo destino será fundamentalmente a agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.
Cun investimento próximo aos 6,4 millóns de euros, a planta de Cervo equipouse con innovadores sistemas de depuración de augas e de aire, así como de control do nivel de ruído, e é autosuficiente desde a dimensión enerxética ao estar alimentada por enerxías renovables, concretamente con paneis solares, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático.
31 de decembro, data límite
Sogama lembra que, no marco da lexislación europea, os concellos teñen de prazo ata o próximo 31 de decembro para implantar a recollida diferenciada da materia orgánica. Para axudalos a dar debido cumprimento á normativa, a Xunta de Galicia habilitou unha rede de infraestruturas conformada por 4 plantas de biorresiduos (1 por provincia: Cervo, Verín, Cerceda e Vilanova de Arousa) e 13 plantas de transferencia de apoio que dispoñen dunha tolva específica para o transvasamento dos residuos orgánicos. O obxectivo desta rede, executada por Sogama, é que a práctica totalidade dos 295 concellos adheridos a esta empresa pública dispoña dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Saúdos, Departamento de Comunicación