- A Sociedade Galega do Medio Ambiente entregará ao ente local 25 composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para ser distribuídos entre outros tantos fogares.
- As vivendas participantes deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo no que aplicar o compost resultante, un abono100% ecolóxico.
- Os usuarios recibirán un curso de formación presencial a cargo de técnicos de Sogama, que terá lugar o próximo 3 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa Consistorial, así como manuais didácticos de apoio.
- Con esta iniciativa, o concello pretende alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Cerceda, a 8 de novembro de 2019.- Nunha firme aposta pola valorización da materia orgánica, o concello de Coirós (A Coruña) formalizou a súa adscrición ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, do que xa forman parte 315 entidades de toda Galicia (188 concellos, 109 centros educativos e 18 colectivos sociais).
Nunha primeira fase, esta empresa pública entregará de forma gratuíta ao municipio coruñés un total de 25 composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables que, á súa vez, serán repartidos por parte do ente local entre outras tantas vivendas unifamiliares que conten con terreo (horto ou xardín) no que aplicar o compost resultante; un abono 100% natural e ecolóxico con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
A fin de axudar aos usuarios na súa tarefa, técnicos de Sogama impartirán na localidade, en estreita coordinación co concello, un curso de formación presencial que terá lugar o próximo 3 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa Consistorial. Así mesmo, dotarase ás familias participantes con sendos manuais de autocompostaxe que servirán como de recurso para ampliar coñecementos, resolver dúbidas e dar resposta ás preguntas máis frecuentes.
Adicionalmente, os veciños teñen á súa disposición un sitio web www.compostaconsogama.gal, no que poderán atopar material divulgativo e lúdico de axuda para comprender o proceso de autocompostaxe e as súas bondades.
Con esta iniciativa, o concello de Coirós pretende contribuír ao aforro medioambiental e de custos. Dado que a materia orgánica representa o 42% do peso dunha bolsa de lixo tipo, se se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional. Esta circunstancia propiciaría unha redución da frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, por tanto, unha redución da cantidade de residuos entregados a Sogama, podendo verse minorado o importe da factura a pagar a esta compañía.
Ademais de todo isto, recupérase unha práctica tradicional en Galicia como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Saúdos, Departamento de Comunicación