- A empresa pública proporcionou ao ente local, e de forma gratuíta, 25 composteiros que serán entregados noutros tantos fogares
Cerceda, a 28 de decembro de 2023.- O Concello de Cuntis (Pontevedra), co apoio de Sogama, estende a compostaxe doméstica a novas vivendas unifamiliares que contan con terreo a fin de que estas poidan autoxestionar en orixe a súa materia orgánica e logren reducir así a produción de residuos.
Así, a empresa pública proporcionou ao ente local, e con carácter gratuíto, 25 composteiros, reciclados e reciclables, con capacidade para 400 litros, permitindo que os veciños interesados dispoñan destes recipientes específicos e recuperen unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/o elaboración de compost, pero dunha forma máis hixiénica, cómoda e eficiente.
Os novos usuarios serán formados polo Concello co obxectivo de que dispoñan dos coñecementos necesarios para elaborar un compost de alta calidade e que cumpra cos requisitos necesarios esixidos pola normativa vixente para aplicalo na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións.
Máis información en https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/
Saúdos, Departamento de Comunicación