- O acto tivo lugar unha vez concluído o curso de formación presencial impartido en días pasados por técnicos ao servizo desta empresa pública.
- Os asistentes tamén foron obsequiados cun manual de autocompostaxe a través do cal poderán solventar dúbidas e ampliar os seus coñecementos na reciclaxe da materia orgánica.
- Trátase dun novo paso que Laracha dá cara a unha xestión máis sostible dos residuos urbanos na que prime a prevención, a redución, a reutilización e a reciclaxe.
Cerceda, a 26 de agosto de 2019.- Co obxectivo de seguir avanzando na reciclaxe da materia orgánica, o concello de Laracha (A Coruña) decidiu ampliar, coa colaboración de Sogama, o seu programa de compostaxe doméstica a novas vivendas. Así, a empresa pública subministrou ao ente local 75 composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para que, á súa vez, foran repartidos a outras tantas familias.
A entrega tivo lugar unha vez rematou o curso de formación presencial que tivo lugar en días pasados na Casa da Cultura municipal, a onde se desprazaron técnicos ao servizo da Sociedade Galega do Medio Ambiente para dar a coñecer os pormenores da técnica e solventar as dúbidas dos asistentes.
Entre outras cuestións, explicouse cal debe ser o lugar idóneo para a colocación do composteiro, que materiais deben e non deben depositarse no mesmo, a importancia de controlar parámetros como o osíxeno, a temperatura e a humidade, como recoñecer un compost maduro e cales son as súas aplicacións.
Adicionalmente, os veciños adscritos a esta iniciativa recibiron un manual no que se desgrana o proceso de autocompostaxe, os pasos a seguir e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes.
Do seguimento da experiencia encargarase o persoal do concello, quen comprobará o correcto desenvolvemento da técnica e corrixirá posibles erros.
Trátase, en definitiva, dun novo paso co que Laracha se encamiña cara a unha xestión máis sostible dos seus residuos na que prime a prevención, a redución, a reutilización e a reciclaxe, seguindo a xerarquía europea.
Con este proxecto, o concello pretende alcanzar importantes beneficios ambientais e sociais, minimizando ao mesmo tempo a cantidade de refugallos que conforman a denominada “bolsa negra” (fracción resto).
Saúdos, Departamento de Comunicación