- A empresa pública enviou á entidade local outros tantos composteiros, así como manuais didácticos de apoio, e ofreceuse a impartir un curso de formación presencial dirixido ás familias participantes nesta iniciativa
- Dado que a materia orgánica representa un 37-40% da composición media dunha bolsa de lixo doméstica tipo, a autoxestión desta fracción trae consigo importantes vantaxes ambientais, económicas e sociais
- Os concellos de Vilardevós e Castrelo do Val seguiron a senda de Oímbra e tamén decidiron sumarse ao programa de Sogama con 30 e 25 vivendas respectivamente
Cerceda, a 28 de novembro de 2024.- Co obxectivo de reducir a produción de residuos e promover a reutilización e a reciclaxe, o Concello de Oímbra (Ourense) decidiu sumarse ao programa de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia e faino con 100 vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo (xardín ou horta) no que aplicar o compost resultante.
Para isto, a empresa pública enviou ao ente local 100 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para que sexan distribuídos noutros tantos fogares. Preténdese así recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación de restos orgánicos para a alimentación do gando ou para a elaboración de abono, pero dun xeito máis cómodo, hixiénico e eficiente, posibilitado polo propio recipiente.
Formación e recursos didácticos
A compañía tamén achegou ao Concello manuais didácticos, que serán entregados aos veciños participantes nesta iniciativa, a fin de que servan de apoio durante a operativa. Nos mesmos explícase polo miúdo o lugar idóneo para situar o composteiro (no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferentemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores), así como a relación de refugallos que deben (e non deben) depositarse no composteiro para conseguir un abono natural de alta calidade que cumpra cos requisitos establecidos na normativa vixente.
Tamén recolle a guía unhas pautas de seguimento do proceso, recomendando aos usuarios o control de parámetros de gran relevancia tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade, debendo realizar unha mestura axeitada entre a fracción húmida e a seca.
Igualmente, a empresa ofreceuse a impartir un curso de formación presencial dirixido aos participantes para que estes poidan reforzar os seus coñecementos e consultar dúbidas.
Tendo en conta que a materia orgánica representa ao redor do 37-40% da composición media dunha bolsa de lixo doméstica tipo, a autoxestión desta fracción representa unha oportunidade para poñela en valor e, ademais, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais
Novas incorporacións
Pola súa banda, os municipios de Vilardevós e Castrelo do Val seguiron a senda de Oímbra e tamén decidiron sumarse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama con 30 e 25 vivendas respectivamente.
Saúdos, Departamento de Comunicación