- Sogama entregou recentemente ao ente local 70 novos composteiros con capacidade para 400 litros, así como manuais didácticos de apoio destinados aos participantes.
- A empresa pública tamén subministrou outros 30 composteiros ao Concello de Padrón, propiciando que 90 vivendas desta localidade autoxestionen os seus residuos orgánicos.
Cerceda, a 2 de xuño de 2021.- O Concello de Ordes (A Coruña), adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, decidiu ampliar a autoxestión da materia orgánica a novas vivendas unifamiliares que así o solicitaron.
A empresa pública entregou a este municipio veciño 70 novos composteiros, que, sumados a partidas anteriores, fan un total de 337 os domicilios que participan activamente nesta iniciativa.
En todo caso, deben contar con terreo no que aplicar o compost resultante a fin de pechar o ciclo de recuperación da materia orgánica, que regresa ao solo en forma de fertilizante natural.
Dado que os restos orgánicos representan en torno ao 42% dunha bolsa de lixo tipo, se estes se reciclan en orixe, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando unha redución da cantidade de refugallos enviados a Sogama para o seu tratamento final e, polo tanto, unha diminución de custos.
Se ben a autocompostaxe constitúe unha práctica tradicional no rural galego, o composteiro, con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, propicia que o proceso se leve a cabo dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
O recipiente debe colocarse en contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos organismos descompoñedores, centrándose o labor do usuario en vixiar que haxa un equilibrio entre materia húmida e seca, remover a mestura periodicamente e controlar parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, xa que condicionarán en boa medida o resultado final.
A pretensión é obter un abono de alta calidade, que cumpra con todos os requisitos contemplados na normativa vixente e que poida ser utilizado sen restricións, e con garantías, na agricultura e xardinería.
Así mesmo, Sogama enviou ao ente local manuais didácticos para repartir entre as familias participantes e impartirá cursos de formación en datas a concretar polas partes.
Pola súa banda, o Concello de Padrón tamén recibiu, de mans desta entidade pública, un novo lote de 30 composteiros, sumando 90 as familias adscritas a este programa.
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación