![El Concello de Trazo entregará 25 compostadores cedidos por Sogama a otras tantas familias El Concello de Trazo entregará 25 compostadores cedidos por Sogama a otras tantas familias](/sites/default/files/noticias/image/2022-08/Compostador_2.jpg)
- Con esta nova partida, subministrada de forma gratuíta pola empresa pública, serán 75 as vivendas da localidade incorporadas ao programa de compostaxe doméstica, con importantes beneficios ecolóxicos e económicos.
Cerceda, a 15 de marzo de 2021.- O Concello de Trazo (A Coruña), coa colaboración de Sogama, entregará 25 novos composteiros a outras tantas familias co fin de que estas poidan autoxestionar a materia orgánica nos seus fogares. En todo caso, deben habitar en vivendas que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, recuperando desta forma unha práctica tradicional no rural galego. A diferenza é que, grazas a estes recipientes, subministrados de forma gratuíta por parte da empresa pública, propíciase unha operativa máis moderna, cómoda e hixiénica.
Con esta última partida serán 75 las familias de Trazo incorporadas ao programa de compostaxe doméstica, con importantes beneficios ecolóxicos e económicos.
Desde o punto de vista ambiental, porque a materia orgánica, que representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, xestiónase no mesmo lugar no que se orixinou, converténdoa nun abono natural que achega nutrientes ao solo, protexéndoo fronte a pragas e enfermidades.
Ademais, e tendo en conta a alta dispersión da poboación, ao depositar menos refugallos no contedor verde xenérico, poderíase reducir a frecuencia de recollida e transporte, circunstancia que se traduciría en menos emisións de CO2 á atmosfera.
Así mesmo, e dado que se minoraría a cantidade de residuos a entregar a Sogama para o seu tratamento final, diminuiría tamén o importe da factura que o Concello debe pagar a esta entidade.
Xunto co composteiro, con capacidade para 390 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, os usuarios recibirán manuais didácticos nos que se describe todo o proceso: desde a propia ubicación do recipiente, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata os materiais que poden e non poden depositarse no mesmo. Proporciónase igualmente instrucións sobre o necesario control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, toda vez que resultan esenciais para obter un compost de alta calidade, libre de impurezas e impropios, e que cumpra con todos os requisitos establecidos pola normativa vixente a fin de ser aplicado ao solo con garantías.
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación