- Nos vindeiros días, Sogama entregará ao ente local outros tantos composteiros que, sumados a partidas anteriores subministradas pola empresa pública, propiciarán que 105 familias participen nesta iniciativa, con incuestionables beneficios ambientais, económicos e sociais
Cerceda, a 18 de xullo de 2023.- O municipio de Trazo (A Coruña) incorpora trinta novas vivendas ao seu programa de autocompostaxe, que leva a cabo coa colaboración de Sogama. Nos próximos días, a empresa pública entregará ao ente local 30 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para que o Concello poida distribuílos entre as vivendas que cumpran os requisitos, isto é, que sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para hortas, xardíns e cultivos.
Deste xeito, o ente local pretende recuperar unha práctica tradicional no rural, pero dunha forma máis moderna, cómoda, hixiénica e eficiente.
Con esta nova partida de recipientes, e sumada a outras anteriores subministradas pola compañía pública, serán 105 os fogares de Trazo incorporados a esta iniciativa, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Así, e dado que a materia orgánica representa en torno ao 37-40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta se xestiona en orixe, evítase o seu depósito no contedor correspondente, o que permite reducir a frecuencia de recollida e transporte.
Desde a dimensión económica, sinalar que os participantes obteñen o seu propio compost, 100% natural, o que lles permite prescindir da compra de fertilizantes artificiais.
E, a nivel social, cabería destacar tamén que unha boa segregación da materia orgánica mellora substancialmente a recollida selectiva do resto das fraccións, contribuíndo a unha maior reciclaxe.
O concello será o encargado de facer un seguimento do programa para comprobar o seu grao de acollida e aceptación por parte dos veciños participantes, tomar nota das posibles dificultades e/ou limitacións que puideran atoparse, e das habilidades na correcta aplicación da técnica.
Neste sentido, cabe lembrar que o composteiro debe situarse preto da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferentemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para permitir a entrada dos microorganismos descompoñedores. Ademais, é preciso que os usuarios realicen unha axeitada mestura de material seco e húmido, que a removan periodicamente e que controlen parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Máis información en https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/
Saúdos, Departamento de Comunicación