- Os recipientes, de aproximadamente 400 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- Así mesmo, a empresa porá a disposición do ente local manuais de compostaxe doméstica para que poida entregalos á veciñanza participante, propiciando así un maior coñecemento da técnica, dados os seus beneficios ambientais, económicos e sociais.
- Un total de 86 entidades pontevedresas (38 concellos, 43 centros educativos e 5 colectivos sociais) están adheridas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas preto de 3.500 composteiros.
Cerceda, a 27 de setembro de 2019.- O concello de Tui (Pontevedra) solicitou a colaboración de Sogama para estender as prácticas de autocompostaxe a novos fogares.
A empresa pública fará chegar ao ente local 50 composteiros, de aproximadamente 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para que se entreguen a outras tantas vivendas unifamiliares, debendo estas dispoñer de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o abono resultante. A veciñanza participante consegue así pechar o ciclo de reciclaxe da materia orgánica a través da súa transformación en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo.
Desta forma, a compañía contribuirá a que o concello alcance os importantes beneficios que trae consigo a autocompostaxe desde a dimensión ambiental, económica e social, pois, ademais de propiciar unha diminución das emisións de CO2 derivadas do transporte, toda vez que a materia orgánica recíclase in situ e non é necesario depositala no contedor verde convencional, minórase a cantidade de refugallos entregados a Sogama e, xa que logo, o importe da factura a pagar a esta empresa pública. Así mesmo, recupérase unha práctica tradicional en Galicia como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
A Sociedade Galega do Medio Ambiente tamén porá a disposición do ente local manuais de compostaxe doméstica para que sexan entregados aos usuarios, posibilitando que conten cun recurso didáctico de apoio para coñecer os pormenores da técnica e solventar as súas dúbidas.
PRETO DE 3.500 COMPOSTEIROS REPARTIDOS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
Non é a primeira vez que Sogama coopera co concello de Tui, ao que xa aportou en anos anteriores un total de 52 composteiros (30 unidades en 2016 e 22 unidades en 2017). Coa nova partida, serán 102 as familias que participarán na iniciativa a través desta empresa pública.
Un total de 86 entidades pontevedresas (38 concellos, 43 centros educativos e 5 colectivos sociais) están adheridas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas preto de 3.500 composteiros.
En toda Galicia, e con máis de 300 entidades atendidas, a distribución de composteiros por parte desta compañía supera xa os 10.600 recipientes.
Os usuarios teñen á súa disposición unha páxina web específica www.compostaconsogama.gal a través da cal poderán complementar información e acceder a recursos de interese tales como guías, vídeos, xogos online, etc.
Saúdos, Departamento de Comunicación