- Os recipientes, subministrados de forma gratuita pola empresa pública, están a ser utilizados por outras tantas vivendas unifamiliares a fin de reciclar en orixe a materia orgánica e devolvela á terra en forma de compost.
- Trátase dun abono natural con excelentes propiedades nutritivas para o solo, que ata o protexe fronte a posibles enfermidades e pragas.
Cerceda, a 4 de febreiro de 2021.- O Concello de Vedra (A Coruña) fixo da compostaxe doméstica unha das súas principais bandeiras na xestión dos residuos urbanos producidos no termo municipal.
Trala entrega de 30 novos composteiros por parte de Sogama (de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclables e reciclados), xa son 230 os recipientes repartidos nesta localidade entre outros tantos fogares. Isto significa que 230 vivendas unifamiliares xa autoxestionan os seus refugallos orgánicos en orixe, obtendo un compost que regresa á terra en forma de abono natural, o que permite pechar o ciclo de recuperación da materia orgánica.
O ente local recuperou unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, eficiente e hixiénica para os veciños.
Tendo en conta que a materia orgánica representa o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se se recicla no propio fogar, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, aforrando custos ambientais e económicos.
Xa en 2013, o Concello de Vedra decidiu adscribirse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama para poñer en valor os residuos orgánicos a través da súa conversión en compost, que as familias que forman parte desta iniciativa utilizan nos seus xardíns, hortas e terras de cultivo, en substitución dos fertilizantes artificiais. Deste xeito dótase ao solo dun elemento que lle aporta nutrientes, ao tempo que o protexe fronte a posibles enfermidades e pragas.
O ente local encárgase de facer un seguimento deste programa a fin de comprobar se os usuarios aplican correctamente a técnica, solventar as súas dúbidas e corrixir posibles erros.
Así mesmo, os interesados teñen a oportunidade de complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación