- Sogama entregará ao ente local 25 composteiros, de aproximadamente 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para que, á súa vez, se distribúan entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante.
- Así mesmo, esta empresa pública proporcionará manuais didácticos de apoio para os usuarios, que tamén teñen á súa disposición unha páxina web específica de consulta www.compostaconsogama.gal
- Un total de 63 entidades lucenses participan no programa de autocompostaxe de Sogama, tendo repartido entre as mesmas máis de 2.500 composteiros.
Cerceda, a 16 de setembro de 2019.- O concello de Xermade (Lugo) solicitou a adscrición ao programa de compostaxe doméstico de Sogama a fin de introducir progresivamente á veciñanza na reciclaxe da materia orgánica no propio fogar.
Con tal fin, Sogama entregará ao ente local 25 composteiros (de aproximadamente 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) a outras tantas familias que dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante, contribuíndo así a pechar o ciclo de aproveitamento dos residuos orgánicos in situ mediante a súa conversión en abono natural.
Igualmente, esta empresa pública proporcionará ao concello manuais didácticos de apoio para que sexan entregados aos usuarios, axudándolles desta forma a aplicar a técnica con maiores garantías, resolver dúbidas e subsanar posibles erros.
Persoal adscrito ao propio concello será o encargado de facer un seguimento da iniciativa, coa que pretende alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Dado que, na composición media dunha bolsa tipo de lixo doméstico, o 42% dos materiais contidos na mesma son de carácter orgánico, se esta fracción se recupera en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde xenérico, propiciando unha redución da cantidade de refugallos entregados a Sogama e, polo tanto, unha diminución do importe da factura a pagar a esta empresa pública.
Adicionalmente, os concellos poderían minorar a frecuencia de recollida dos contedores convencionais, circunstancia que derivaría en menores emisións de CO2 procedentes do transporte.
MÁIS DE 60 ENTIDADES LUCENSES PARTICIPANTES
A día de hoxe, 63 entidades da provincia de Lugo, entre concellos (39), centros escolares (19) e colectivos sociais (5) están adscritos ao programa de autocompostaxe de Sogama, tendo repartido entre os mesmos máis de 2.500 composteiros.
En toda Galicia, a Sociedade Galega do Medio Ambiente entregou preto de 10.600 composteiros entre máis de 300 entidades.
Os usuarios teñen á súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal, no que poderán atopar información e recursos de interese tales como vídeos, manuais e xogos online, entre outros, recursos todos eles que serán de axuda para perfeccionar a técnica de autocompostaxe e interiorizar os seus beneficios.
Saúdos, Departamento de Comunicación