- Sogama proporcionou ao ente local igual número de composteiros para que as familias participantes leven a cabo o proceso de autoxestión da materia orgánica de forma máis cómoda, hixiénica e eficiente
Cerceda, a 12 de abril de 2023.- Sogama entregou 40 composteiros ao Concello da Merca (Ourense) co obxectivo de que o ente local poida ampliar o seu programa de compostaxe doméstica a outras tantas vivendas unifamiliares con terreo.
A autocompostaxe permite recuperar unha práctica tradicional no medio rural como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, e o composteiro propicia que o proceso se leve a cabo de forma máis moderna, cómoda, hixiénica e eficiente.
En concreto, o recipiente achegado por Sogama ten capacidade para 400 litros e está fabricado con materiais reciclados e reciclables. Debe situarse no exterior da vivenda, preferentemente baixo unha árbore de folla caduca, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
É importante que os usuarios leven a cabo un control da operativa realizando unha mestura homoxénea de materiais húmidos e secos, e prestando atención a parámetros tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade. O compost resultante será aplicado polos participantes nas súas hortas, xardíns e/o terras de cultivo, pechando desta forma o ciclo de reciclaxe da materia orgánica, que regresa ao solo en forma de abono natural para dar unha nova vida (plantas, cultivos, flores, …).
A compostaxe doméstica está considerada como un dos mellores exemplos de economía circular, coa particularidade de que, ao separar a materia orgánica contida nos residuos, mellórase a selección do resto das fraccións e, polo tanto, a súa reciclaxe.
Ademais, minórase a cantidade de refugallos depositados no contedor xenérico e, con isto, a frecuencia de recollida e transporte, o que trae consigo menores emisións de CO2 á atmosfera, á vez que diminúe o importe da factura que o ente local debe pagar polo tratamento final do lixo convencional.
Saúdos, Departamento de Comunicación