- O primeiro premio levouno un centro galego, o Club do Mar Cariño, que conseguiu aportar 580 quilos de pilas.
- A iniciativa, impulsada conxuntamente por Ecopilas e a Fundación Ecomar, ten por obxecto promover as boas prácticas vinculadas á reciclaxe deste residuo doméstico entre o alumnado e os socios dos clubs náuticos e escolas de vela de toda España.
- No marco desta campaña, iniciada en 2015, recolléronse 6,5 toneladas de pilas domésticas.
Cerceda, a 10 de outubro de 2019.- O pasado verán, os clubs náuticos e escolas de vela de España recolleron un total de 2 toneladas de pilas usadas, superando, nun 36%, a cifra alcanzada en 2017.
A iniciativa, enmarcada na campaña “Ponte as pilas e recicla”, que desde o ano 2015 impulsan conxuntamente Ecopilas e a Fundación Ecomar, ten por obxecto promover as boas prácticas vinculadas á reciclaxe deste residuo doméstico entre o alumnado e os socios dos clubs náuticos e escolas de vela no conxunto do territorio nacional.
A través deste concurs oprémiase con material deportivo (chalecos e velas) aos tres clubs que recollan máis pilas usadas durante os meses de xullo e agosto. Un centro galego, concretamente o Club do Mar Cariño, na provincia da Coruña, fíxose co primeiro galardón ao aportar 580 quilos de pilas.
O segundo e terceiro premio recaeron, respectivamente, na Escola Municipal de Vela Theresa Zabell de Cádiz, gañadora da edición de 2018 e que este ano recolleu 209 quilos, e no Actividades Náuticas de Tenerife, con 201 quilos.
Durante a pasada edición, Ecopilas repartiu 7.000 minirecopiladores domésticos e instalou 148 contedores nos 74 centros adheridos ao programa de educación ambiental Grímpola Ecomar, orientado a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 7 e os 14 anos. Este programa vén a complementar a formación náutica a través de talleres de sensibilización cos que se fomenta o respecto ao medio ambiente.
Desde o inicio desta campaña por parte de Ecopilas e Ecomar, recolléronse 6,5 toneladas de pilas domésticas. Ambas entidades consideran que o deporte, tanto amateur como profesional, constitúe un espazo idóneo para difundir hábitos medioambientalmente saudables tales como a reciclaxe. De feito, esta temática centrará unha das mesas redondas da próxima edición do EcoEncuentro, a reunión anual de Recyclia, entidade administradora da fundación Ecopilas, e que se celebrará o próximo 5 de novembro en Madrid, alcanzando a súa novena edición.
Fonte e imaxe: Fundación Ecomar
Saúdos, Departamento de Comunicación