- Promovido por ATEGRUS, este ano alcanza a XXII edición e celebrarase, do 25 ao 27 de outubro, no Pazode Congresos de Marbella (Málaga)
Cerceda, a 11 de outubro de 2023.- Tal e como vén facendo desde 1985, a Asociación Técnica para a Xestión de Residuos e Medio Ambiente, ATEGRUS, promove unha nova edición do Congreso Ecopraias, que este ano alcanza a número 22, e que se celebrará, do 25 ao 27 de outubro, no Pazo de Congresos de Marbella (Málaga).
Posicionado nos últimos anos como o evento de referencia do sector, Ecopraias pretende ofrecer unha visión técnica global de todos os aspectos relacionados co mundo das praias, facilitar as bases para a transformación cara a un modelo de crecemento sostible, e velar pola saúde dos arenais e a concienciación dos usuarios.
Así mesmo, eríxese en punto de encontro indispensable para coñecer as propostas máis innovadoras e eficientes dentro do campo da xestión das praias españolas, onde as principais empresas do sector mostrarán os seus produtos e últimas actuacións. A exposición refórzase cun completo programa de conferencias técnicas, mesas redondas, espazos para compartir experiencias e demostracións in situ de maquinaria limpapraias.
Neste sentido, abordaranse temáticas tales como a xestión e limpeza de praias; a erosión, areais e dunas; o cambio climático; o aproveitamento das algas; os arrecifes artificiais; as zonas costeiras protexidas; medusas e outras especies invasoras; control de augas e areas; competencias: conflitos e tendencias; desenvolvemento sostible do litoral; deseño e equipamento de praias; aplicación da Lei de Costas; novas tecnoloxías; e casos de interese.
O congreso está dirixido a profesionais relacionados co mundo das praias, representantes políticos de concellos de municipios costeiros, técnicos municipais, asociacións turísticas, universidades, centros de investigación, enxeñerías, consultores, estudantes, etc
Na edición 2022, máis de 210 persoas acudiron ao evento.
Más información en www.ategrus.org/congreso-ecoplayas-2023/