- A próxima edición terá lugar en Marbella os días 8 e 9 de xuño, e na mesma daranse cita algúns dos maiores expertos en xestión de residuos
- O evento será amenizado polo coñecido actor e humorista Leo Harlem, e contemplará tamén a entrega do Premio a Unha Vida dedicada á Recuperación e o Premio Nai Terra
Cerceda, a 1 de xuño de 2023.- A só unha semana de que dea comezo o Congreso Nacional da Recuperación e a Reciclaxe, xa son preto de 500 as inscricións realizadas, demostrando unha vez máis o interese que esperta esta cita para o sector da reciclaxe.
A próxima edición terá lugar os días 8 e 9 de xuño en Marbella, e coincidirá coa celebración do 20 aniversario deste evento, que cada ano promove a Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe (FER). Alí daranse cita algúns dos maiores expertos en xestión de residuos, quen, ao longo de dúas xornadas, analizarán e debaterán sobre cuestións de actualidade tales como a escaseza de materias primas e a incidencia nos mercados reciclados, os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor ou o reto da cobertura de risco de incendios.
Tal e como explicou Ión Olaeta, presidente de FER, “Dados os numerosos cambios normativos aos que está a ter que facer fronte o sector nos últimos meses, este congreso volve ser unha cita ineludible para os recicladores porque nel ofreceranse as claves, entre outras moitas cuestións, para facer que as empresas estean preparadas para adaptarse a unha serie de cambios sen precedentes para o sector”.
Premios FER
A nota de cor do congreso poñeraa o coñecido actor e humorista Leo Harlem, cun sorprendente monólogo, e a parte emotiva volverá ser a entrega do Premio a Unha Vida dedicada á Recuperación e o Premio Nai Terra cos que FER recoñece aos principais protagonistas da reciclaxe en España e o labor realizado a favor dun desenvolvemento sostible, respectivamente.
O Congreso da Recuperación e a Reciclaxe completarase cunha zona expositora coas últimas novidades de maquinaria e tecnoloxía do sector e coa asemblea xeral de FER.
Fonte e imaxe: FER