- Con carácter previo ao percorrido guiado polas distintas instalacións, José Pérez e Theresa Zabell mantiveron un encontro co presidente e director xeral de Sogama, Javier Domínguez e Isidro García respectivamente, co fin de intercambiar impresións sobre a xestión actual dos residuos urbanos nun marco de economía circular.
- A comitiva estivo acompañada por Gonzalo Torralbo, secretario do Padroado Fundación Ecopilas, e Cristina Carrión Rodríguez, xefa territorial, na delegación da Coruña, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Cerceda, a 18 de xuño de 2021.- O conselleiro delegado de Recyclia, José Pérez García, e a presidenta da Fundación Ecomar, Theresa Zabell, visitaron esta mañá o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer en primeira persoa a actividade desenvolvida no mesmo, dada a súa condición de infraestrutura punteira no sector a nivel europeo e tamén no ámbito internacional.
Con carácter previo ao percorrido guiado polas instalacións, mantiveron un encontro co presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o director xeral, Isidro García, a fin de intercambiar impresións sobre a xestión actual dos residuos urbanos nun marco de economía circular.
Xa no complexo, puideron comprobar o labor das distintas plantas que o conforman e que integran o circuíto polo que discorren os residuos para ser tratados: desde a recepción e clasificación dos materiais susceptibles de ser reciclados para o seu posterior envío á industria transformadora, ata a valorización enerxética da fracción non reciclable para a súa conversión en electricidade.
A comitiva estivo acompañada por Gonzalo Torralbo, secretario do Padroado Fundación Ecopilas, e Cristina Carrión Rodríguez, xefa territorial, na delegación da Coruña, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
SOBRE RECYCLIA E FUNDACIÓN ECOMAR
Recyclia é a entidade que agrupa ás Fundacións Ecopilas, Ecofimática, Ecoasimelec e Ecolum, cuxo cometido se centra na recollida selectiva, e posterior reciclaxe, dos equipos e dispositivos eléctricos e electrónicos ( RAEE) en desuso e das pilas refugadas.
Desde 2001, Recyclia xestionou máis de 415.000 toneladas de RAEE e máis de 43.000 toneladas de pilas e baterías usadas desde o inicio da súa actividade.
Pola súa banda, a Fundación Ecomar é unha entidade sen ánimo lucro fundada en 1999 por Theresa Zabell, única muller española gañadora de dous Ouros Olímpicos.
O labor desta organización oriéntase fundamentalmente á educación no coidado dos nosos mares, sendo o seu público obxectivo os máis novos. Para eles deseña, entre outros, programas específicos de convivencia no deporte, talleres ambientais, apadriñamento de limpezas de costas e alimentación responsable.
Un dos programas máis destacados está dirixido ás escolas dos clubs náuticos de España e Portugal. As escolas que se inscriben nesta iniciativa, pasan a denominarse Centros Grímpola Ecomar, un distintivo que se erixe en garantía de coidado e respecto ao mar e ao medio ambiente, outorgando aos clubs e escolas de vela a categoría de educadores e formadores en hábitos de vida saudable.
Ecomar e Ecopilas veñen organizando anualmente o concurso ambiental “Ponte as Pilas e Recicla” no que poden participar todos os clubs e escolas de vela adscritos á Grímpola Ecomar. O reto é recoller nos centros, durante a época estival, o maior número de pilas fóra de uso e depositalas nos contedores habilitados pola Fundación Ecopilas. O club que máis pilas recolla, en peso, será gañador de importantes premios.
O pasado ano, o Club do Mar Cariño (Cariño-A Coruña) foi o gañador do primeiro premio, mentres que o terceiro levouno Cataventos Escola (Muxía-A Coruña).
Saúdos, Departamento de Comunicación