- Ambas instalacións para a compostaxe industrial contarán coas tecnoloxías máis innovadoras, coa finalidade de que acaden a maior eficiencia
- A planta de Cervo prevé dar servizo a 15 municipios cunha poboación de 70.000 habitantes, pertencentes na súa meirande parte á comarca da Mariña lucense, mentres a de Verín prevé favorecer a 24 municipios e máis de 52.000 habitantes
- A capacidade anual de tratamento de ambas instalacións é de 3.000 toneladas de residuos orgánicos de carácter doméstico e outras 1.600 toneladas de material estruturante, coas que se producirán 1.500 toneladas de compost de alta calidade
Santiago, a 29 de xullo de 2021.- O Consello da Xunta autorizou hoxe a licitación da obra e posta en marcha de dúas das catro plantas de compostaxe industrial —unha por provincia— que estarán integradas na nova rede galega de valorización de residuos orgánicos. Trátase das instalacións de Cervo (Lugo) e de Verín (Ourense), por un importe total de máis de 14 millóns de euros.
Se ben a xestión do lixo constitúe unha competencia municipal, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda quere axudar aos concellos a que cumpran coas súas obrigas legais, tendo en conta que deberán ter implantada a recollida selectiva dos residuos orgánicos —a través do quinto contedor, de cor marrón— antes do 31 de decembro de 2023, segundo marca a Unión Europea.
Así, con estas dúas novas instalacións, xunto con outras dúas das mesmas características —Cerceda, xa finalizada, e Vilanova de Arousa— e co apoio de 13 plantas de transferencia que están a ser adaptadas, Sogama fará posible que a gran maioría dos galegos dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Cómpre lembrar que o proxecto construtivo da planta de Cervo serviu de base e referencia para a planta de Verín, polo que ambas terán características similares. Nese sentido, cada unha terá unha capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de residuos orgánicos de carácter doméstico e outras 1.600 toneladas de material estruturante. A previsión é que cada infraestrutura produza cada ano 1.500 toneladas de compost de alta calidade para ser empregado como abono natural, na agricultura e xardinaría, en substitución dos fertilizantes artificiais.
Ademais, ambas estarán dotadas coas tecnoloxías máis innovadoras, co fin de que acaden a maior eficiencia, e tamén contarán cos mecanismos necesarios para minimizar o impacto sobre a contorna como potentes sistemas de depuración de augas, cheiros e control de ruídos, alimentándose con enerxía renovable a través de paneis solares.
O obxectivo é que as dúas entren en funcionamento a finais do ano 2022, e deste xeito saltar un novo chanzo para facer de Galicia unha comunidade sustentable en que os residuos son transformados en recursos conforme os preceptos da economía circular.
CERVO, SERVIZO A 70.000 VECIÑOS
A planta de Cervo, cuxas obras se licitarán por un importe de 6.939.829 euros, estarálocalizada no polígono industrial de Cuíña e ocupará unha superficie de 8.000 m2, tras a adquisición o pasado 9 de xuño, por parte de Sogama ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, de cinco parcelas por un orzamento de máis de 238.000 euros.
Nesta nova instalación realizaranse todas as fases do proceso de compostaxe, é dicir, a xestión da materia orgánica —pretratamento, fermentación, maduración ealmacenamentos—, para o que se construirá unha nave pechada de 3.500 m2.
Está dimensionada para poder dar servizo a 15 municipios, pertencentes na súa meirande parte á comarca da Mariña lucense, cubrindo unha poboación duns 70.000 habitantes: Cervo, Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mañón, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.
VERÍN, INSTALADA NO POLÍGONO DE PAZOS
Pola súa banda, a planta de Verín abarcará unha superficie de case 12.000 m2 do parque empresarial de Pazos, dos cales 3.500 se disporán para a nave pechada. O importe de licitación ascende a 7.271.527 euros.
Neste caso, prevé beneficiar a máis de 52.000 habitantes de 24 concellos da provincia de Ourense: Verín, Oímbra, Monterrei, Cualedro, Trasmiras, Laza, Castrelo do Val, Riós, Vilardevós, Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Xinzo de Limia, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Sandiás, Xunqueira de Ambía, Sarreaus, Vilar de BaVilar de Barrio, Vilariño de Conso, A Gudiña, A Mezquita e Viana do Bolo.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda