- O obxectivo é fomentar o investimento privado en crecemento sostible e contribuír a unha economía climáticamente neutra.
Cerceda, a 17 de abril de 2020.- A UE está implantando un sistema común de clasificación para fomentar o investimento privado en crecemento sostible e contribuír a unha economía climáticamente neutra.
O Consello adoptou esta semana un Regulamento polo que se establece un sistema de clasificación, ou «taxonomía», válido para toda a UE, que proporcionará aos empresarios e inversores unha linguaxe común para determinar as actividades económicas que poden ser consideradas sostibles desde o punto de vista ambiental.
A taxonomía permitirá que se reoriente o investimento cara a tecnoloxías e empresas máis sostibles. Será fundamental para permitir que a UE sexa climáticamente neutra de aquí a 2050 e alcance os obxectivos para 2030 do Acordo de París, entre os que se atopa unha redución do 40 % das emisións de gases de efecto invernadoiro.
O marco futuro basearase en seis obxectivos ambientais da UE:
1) Mitigación do cambio climático,
2) Adaptación ao cambio climático,
3) Uso sostible e protección dos recursos hídricos e mariños,
4) Transición a unha economía circular,
5) Prevención e control da contaminación,
6) Protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.
A taxonomía para a mitigación do cambio climático e a adaptación a este debe establecerse antes de finais de 2020, co obxectivo de garantir a súa plena aplicación antes de finais de 2021. Respecto dos outros catro obxectivos, a taxonomía debe establecerse antes de finais de 2021, para a súa aplicación antes de finais de 2022.
A Decisión adoptouse mediante procedemento escrito, o que significa que o Consello adoptou a súa posición en primeira lectura. Agora o Regulamento debe ser aprobado polo Parlamento Europeo en segunda lectura, antes de que poida publicarse no Diario Oficial e entrar en vigor.
Fonte: Consello da Unión Europea
Imaxe: Pixabay