- Unha parte da obra financiarase a través de Fondos MRR conseguidos por Sogama
- A planta localizarase no Complexo Medioambiental de Sogama, en Cerceda, e terá capacidade para procesar 3.000 Tn/ano, con posibilidade de ampliación ata as aproximadamente 24.000 Tn
- O seu cometido será seleccionar os residuos téxtiles por composición e cores para remitir aos correspondentes centros recicladores
- A previsión é que a obra estea rematada no segundo trimestre de 2026, mentres que duración da xestión integral da instalación será de 2 anos, con dúas prórrogas dunha anualidade cada unha
Santiago, a 27 de decembro de 2024.- O Consello da Xunta deu esta mañá o visto e prace á licitación, por 24.950.145,45 euros, para a construción e xestión da que será a primeira planta pública de Galicia de clasificación de residuos téxtiles. Deste importe total, a obra representa 19.752.959,78 euros, financiándose unha parte da mesma, concretamente 10.273.626,05 euros, a través de Fondos MRR (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, segundo o establecido no Acordo da Conferencia Sectorial de 24 de xullo de 2024).
A instalación localizarase no Complexo Medioambiental desta empresa pública en Cerceda (A Coruña) e terá capacidade para procesar 3.000 toneladas anuais, con posibilidade de ampliación ata as aproximadamente 24.000 toneladas.
Precisamente, a posta en marcha desta planta constitúe un dos eixos sobre os que xira o Plan Estratéxico de Sogama para o período 2025-2030, coa particularidade de que se enmarca na Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que contempla a recollida diferenciada obrigatoria de téxtiles por parte das entidades locais a partir do 1 de xaneiro de 2025, sendo responsabilidade destas a implantación de sistemas específicos de recollida selectiva.
O cometido desta instalación centrarase na selección de téxtiles por composición e cores para remitir aos correspondentes centros recicladores. No caso da parte non reciclable, e tendo en conta a infraestrutura coa que conta Sogama, procederase á súa valorización enerxética co fin de evitar a súa vertedura, a opción máis contaminante conforme á xestión xerarquizada de residuos establecida pola Unión Europea.
En todo caso, a nova infraestrutura complementará o labor desenvolvido polas plantas privadas de recuperación de téxtil existentes en Galicia, así coma o propio de recollida que levan a cabo as empresas de economía social.
Non obstante, outras circunstancias legais aconsellan a necesidade de contar con esta planta. Por exemplo, que a lei estatal tamén prohibirá a exportación de residuo téxtil, así como a destrución de excedentes non vendidos, e que os produtores deberán incorporar unha determinada porcentaxe de fibras téxtiles recicladas na fabricación de novos produtos, ademais da obriga de constituír un SCRAP antes de abril de 2025.
Así mesmo, debe terse en conta que en Galicia só se recolle separadamente o 10,2% do residuo téxtil (a media estatal está no 12,16%) e, actualmente, o 7% da bolsa negra (fracción resto recollida a través do contedor xenérico) que chega a Sogama, está conformada por este material.
Polo tanto, e coa pretensión de contribuír ao cumprimento dos obxectivos europeos en materia de reciclaxe, faise necesario levar a cabo unha boa recollida selectiva deste residuo en orixe e que sexa recuperado en infraestruturas que garantan o seu máximo aproveitamento e reciclaxe. Deste xeito, minimizarase o consumo desmedido de materias primas virxes e recursos tales como a enerxía e a auga que precisa a fabricación de téxtil, un dos sectores de maior impacto ambiental, acrecentado nos últimos anos pola moda rápida de produción masiva de prendas a prezos baixos.
Igualmente, cabe salientar que esta nova instalación enmárcase no proxecto estratéxico do Goberno autonómico para impulsar un HUB ou polo téxtil, cunha rede de infraestruturas que axude a atraer investimentos, empresas e iniciativas relacionadas cun ámbito económico que, nos próximos anos, realizará unha forte aposta pola reciclaxe e a innovación.
Prazos de obra e xestión
O prazo máximo de entrega e aprobación do proxecto das obras por parte do adxudicatario será de 16 semanas, e o de execución das mesmas, de 40 semanas.
En todo caso, a obra debe estar rematada no segundo trimestre de 2026 por esixencia dos Fondos MRR.
Pola súa banda, a duración da xestión integral da instalación será de 2 anos, con dúas prórrogas dunha anualidade cada unha.
Saúdos, Departamento de Comunicación