- Terá capacidade para tratar ata 15.000 toneladas anuais de materia orgánica contida nos residuos domésticos e 7.000 toneladas de material estruturante.
- Dará servizo a uns 25 concellos do chamado eixo atlántico sur e integrarase na rede de infraestruturas deseñada pola Xunta para axudar aos entes locais a cumprir coas súas obrigas legais, isto é, ter implantada a recollida selectiva da fracción orgánica a través do contedor marrón antes de xaneiro de 2024.
- A financiación desta instalación, que se localizará no polígono de Baión, correrá a cargo dos Fondos FEDER como resposta da UE á crise da COVID-19, dada a súa contribución á protección do medio ambiente e a unha maior calidade de vida.
Cerceda, a 9 de setembro de 2021.- O Consello da Xunta aprobou esta mañá a licitación da obra e posta en marcha, por un importe de 17.713.030,46 euros, dunha planta de compostaxe industrial no municipio pontevedrés de Vilanova de Arousa.
A planta, que entrará en funcionamento a finais de 2022, dará servizo a uns 25 concellos do chamado eixo atlántico sur. Terá capacidade para tratar ata 15.000 toneladas anuais de materia orgánica contida nos residuos domésticos e recollida selectivamente a través do quinto contedor, de cor marrón, ademais doutras 7.000 toneladas de material estruturante. O resultado final traducirase na produción de 6.000 toneladas/ano de compost de alta calidade, que será empregado na agricultura e xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.
A financiación desta instalación, que se localizará no polígono de Baión, onde Sogama adquiriu no seu momento 7 parcelas que suman unha superficie de 20.000 metros cadrados, correrá a cargo dos Fondos FEDER como resposta da Unión Europea á crise da COVID-19, dada a súa contribución á protección do medio ambiente e a unha maior calidade de vida para a cidadanía.
REDE GALEGA PARA A VALORIZACIÓN DA MATERIA ORGÁNICA
Se ben a xestión dos residuos urbanos é unha competencia municipal, a Xunta de Galicia propúxose axudar aos concellos a dar debido cumprimento ás súas obrigas legais. No caso concreto da fracción orgánica, deben ter implantada a recollida separada da mesma antes de xaneiro de 2024, polo que se está a executar unha rede de infraestruturas conformada por 4 plantas de biorresiduos –a de Cerceda, en funcionamiento, as de Cervo e Verín, xa licitadas, e a de Vilanova de Arousa-. Estas instalacións complementarán ás públicas e privadas das súas características, tanto actuais como futurais, dando servizo ao conxunto do territorio galego.
Así mesmo, estarán apoiadas por 13 plantas de transferencia nas que se habilitará unha tolva específica para o transvase da materia orgánica, posibilitando o seu transporte, nas mellores condicións, á planta de compostaxe máis próxima.
Con esta rede, deseñada específicamente para alcanzar os obxectivos da Unión Europea na reciclaxe materia orgánica, máis de 2,2 millóns de galegos disporán dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
A planta de Vilanova acollerá, en naves pechadas, todas as fases do proceso de compostaxe, isto é, pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento, e operará coas tecnoloxías máis innovadoras a fin de garantir a máxima eficiencia no servizo prestado e minimizar o impacto sobre a contorna máis inmediata. Para isto contará con sistemas específicos de depuración de augas e aire, e de control de cheiros e ruiddos, e estará alimentada con enerxía renovable, fundamentalmente a través de paneis solares.
Saúdos, Departamento de Comunicación