- A UE reitera o seu firme compromiso co Acordo de París como marco multilateral fundamental que rexe a acción mundial, mostrándose decidida a asumir o liderado da aceleración da acción climática en todas as frontes.
- Recoñece que os máis pobres e os que se atopan en situación de vulnerabilidade son os máis expostos e os menos capacitados para responder ou adaptarse ao cambio climático.
- O Consello Europeo confía en que 2019 sexa tamén o ano no que se intensifique a converxencia entre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e os programas para o cambio climático.
Cerceda, a 25 de febreiro de 2019.- O Consello da Unión Europea adoptou recentemente unhas Conclusións sobre a Diplomacia Climática recordando que o cambio climático é unha ameaza directa e existencial da que ningún país vai estar a salvo e que o mundo no seu conxunto xa é testemuña dos devastadores efectos dun fenómeno que precisa dunha sólida acción climática, toda vez que as medidas adoptadas para facer fronte ao mesmo resultan aínda insuficientes.
Neste marco, a UE reitera o seu firme compromiso co Acordo de París como marco multilateral fundamental que rexe a acción mundial neste sentido, mostrándose decidida a asumir o liderado da aceleración da acción climática en todas as frontes debido ás implicacións que o cambio climático representa para a paz, a seguridade e a estabilidade internacionais.
2019, UN ANO CRUCIAL
O Consello refírese a 2019 como un ano crucial para elevar a ambición mundial na procura do desenvolvemento sostible e chama á colaboración de todos os países, en particular para limitar o quecemento global por baixo dos 2ºC.
Así mesmo, recoñece que os máis pobres e os que se atopan en situación de vulnerabilidade son os máis expostos e os menos capacitados para responder ou adaptarse ao cambio climático. De aí que, nestes casos, se faga tamén necesario fomentar a resiliencia, a seguridade alimentaria e a nutrición, a redución de risco de desastres, a prevención de conflitos e unha xestión máis sostible dos recursos e solucións baseadas na natureza.
O deterioro da biodiversidade do planeta, os recursos hídricos e os ecosistemas do mundo, a degradación dos solos, os riscos relacionados coa auga e os fenómenos hidrolóxicos extremos constitúen grandes preocupacións para o Consello, do mesmo xeito que o quecemento do Ártico, que segue un ritmo superior ao dobre da media mundial, destacando a importancia da cooperación transfronteiriza entre Estados membros e países asociados.
Así mesmo, a UE confía que 2019 sexa tamén o ano no que se intensifique a converxencia entre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e os programas para o cambio climático, de aí o seu empeño en seguir fomentando e protexendo os dereitos humanos, a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres no contexto da acción polo clima.
Tamén acolle favorablemente o Consello a visión estratéxica europea a longo prazo da Comisión “Un planeta limpo para todos” a fin de lograr unha economía próspera, moderna, competitiva e neutra desde un punto de vista climático.
Fonte: Consello da Unión Europea
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación