- Segundo datos de Eurostat, ese ano consumíronse 29.800 millóns de bolsas plásticas lixeiras en todo o continente, o que supón unha diminución de 4.700 millóns respecto de 2021
Cerceda, a 26 de novembro de 2024.- En 2022, e segundo datos de Eurostat, cada habitante da UE consumiu unha media de 66,6 bolsas de plástico lixeiras (LPCB, polas súas siglas en inglés), o que supón unha redución de 10,8 bolsas (-14 %) por persoa respecto de 2021. En total, estariamos a falar de 29.800 millóns de bolsas plásticas lixeiras consumidas en 2022 en todo o continente, o que supón unha diminución de 4.700 millóns respecto do ano anterior.
Entre os países europeos que informaron do maior consumo de LPCB por persoa en 2022, foron Lituania (249 bolsas por persoa), Letonia (193) e Chequia (185), e a maior parte do consumo relacionouse con bolsas de plástico moi lixeiras, é dicir, cun espesor de parede de menos de 15 micras. Pola contra, os países que reportaron un menor consumo foron Bélxica (4 bolsas por persoa), Polonia (7) e Portugal (13).
Todos os países da UE contan agora con medidas de redución do consumo, de acordo coas esixencias da Directiva sobre bolsas de plástico, que ten como obxectivo reducir o consumo das de baixo volume para non superar as 40 bolsas por persoa antes do 31 de decembro de 2025 (este obxectivo non inclúe as bolsas de moi baixo volume).
A variación do consumo per cápita débese principalmente ás diferenzas na eficacia das medidas, influídas por factores económicos, sociais e de política. Ademais, algúns Estados aplicaron medidas de redución do consumo durante o período 2018-2022, mentres que outros estendéronas durante un período máis prolongado.
Un terceiro factor é o uso de diferentes métodos de cálculo nos países da UE.
Fonte: Eurostat
Imaxe: Pexels