- Educadores de Sogama impartiron neste centro unha sesión formativa sobre a correcta xestión dos residuos municipais e a importancia da colaboración cidadá
Cerceda, a 22 de setembro de 2023.- Escolares de primaria do Colexio “Nuestra Señora del Carmen” de Fisterra (A Coruña) mostráronse moi interesados no contedor marrón pola importancia que este ten na valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost. Disto deixaron constancia nunha sesión formativa impartida recentemente neste centro por educadores de Sogama sobre a correcta xestión dos residuos municipais, incidindo en gran medida na compostaxe, tanto doméstica, que xa practican no colexio, como industrial.
Durante o transcurso da xornada, os monitores puxeron a proba os coñecementos dos pequenos sobre a recollida selectiva de residuos en orixe e o seu correcto depósito nos distintos contedores para propiciar a súa reciclaxe, e resolveron todas as dúbidas. Tamén recibiron explicacións sobre o labor de Sogama en Galicia e a importancia da colaboración cidadá a través do consumo responsable, adquirindo unicamente o necesario, o máximo aproveitamento dos produtos ata esgotar a súa vida útil, e a activa participación na reciclaxe, xa que unha correcta separación dos refugallos por tipos de material constitúe o traballo de base que permitirá transformalos en novos artigos e, polo tanto, reincorporalos ao circuíto comercial cunha nova vida, seguindo os preceptos da economía circular.
O grao de atención e participación dos alumnos foi máximo, conscientes de que, xunto coas súas familias e contorna social, teñen moito que dicir e achegar para garantir un futuro máis sostible.
Saúdos, Departamento de Comunicación