- Educadores de Sogama impartiron neste centro tres sesións formativas nas que participaron preto dun cento de estudantes
- O principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e o labor da Sociedade Galega do Medio Ambiente foron as temáticas centrais a abordar
Cerceda, a 15 de maio de 2023.- Os pormenores vinculados ao contedor marrón centrou una boa parte das temáticas abordadas nunha xornada formativa impartida por educadores de Sogama no colexio Fogar Afundación de Vigo.
Preto de 100 estudantes distribuídos en tres sesións recibiron información sobre a problemática que representa a elevada xeración de residuos e tamén formación sobre como facer fronte á mesma, como levar á práctica diaria o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e cal é o servizo prestado por Sogama en Galicia, dando a coñecer a infraestrutura industrial coa que conta esta compañía pública para xestionar e tratar os residuos municipais producidos por 295 concellos galegos entre os que se atopa Vigo.
Se ben os refugallos que se atopan dentro das competencias da entidade (bolsa amarela e bolsa negra) trátanse no Complexo industrial cercedense, este compleméntase cunha rede de plantas de transferencia (37 en total) distribuídas estratexicamente polo conxunto do territorio galego, sendo a súa función transvasar os residuos desde os camións de recollida municipal ata contedores de maior capacidade, aptos para ser transportados, por ferrocarril ou estrada, ao centro de tratamento en Cerceda. Mentres que a parte reciclable envíase aos recicladores, coa non reciclable acondiciónase un combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica para xerar enerxía eléctrica renovable nun 50%.
Unha das fraccións de residuos que suscitaron maior interese entre os alumnos, polo seu carácter novidoso, é o contedor marrón, en fase de implantación en Galicia, e destinado a acoller a materia orgánica para a súa posterior transformación en compost, un abono natural de alta calidade.
Os concellos quedan obrigados pola normativa europea a instaurar a recollida diferenciada dos residuos orgánicos antes do próximo 31 de decembro.
Saúdos, Departamento de Comunicación