- No transcurso da mesma explicouse o marco de referencia, os residuos que deben, e non deben, ser depositados neste novo recipiente e a infraestrutura coa que conta a provincia de Pontevedra para valorizar a materia orgánica
Cerceda, a 21 de decembro de 2023.- O auditorio de Vilagarcía de Arousa foi onte o punto de encontro dos veciños interesados en obter información sobre as novidades que traerá consigo a implantación do contedor marrón neste municipio pontevedrés.
Un técnico ao servizo de Sogama explicou o marco de referencia, xa que a recollida diferenciada da materia orgánica por parte dos concellos emana dunha norma europea que estableceu o 31 de decembro de 2023 como data límite para a súa instauración.
Con tal fin, a provincia de Pontevedra conta cunha planta de biorresiduos no Concello veciño de Vilanova de Arousa, que á súa vez está reforzada por cinco plantas de transferencia que serven tamén de nódulo de transvasamento da fracción orgánica ata a planta vilanovesa. Todo un despregamento de infraestruturas que se integran nunha rede máis ampla deseñada pola Xunta para toda Galicia, e executada por Sogama, e que está conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos (1 por provincia) e 13 de transferencia.
No transcurso da sesión detalláronse as características deste novo contedor que, en breve, estará nas rúas, a relación de residuos que deben -e non deben- depositarse no mesmo, proceso de tratamento ao que se somete a materia orgánica para ser convertida en compost e a importancia que ten a correcta selección da mesma en orixe para evitar ou minimizar o contido de impropios, xa que isto permitirá obter un abono de alta calidade que, posteriormente, aplicarase na agricultura e xardinería.
Os asistentes foron obsequiados con bolsas pregables e reutilizables para a compra.
Saúdos, Departamento de Comunicación