- Artigo do presidente de Sogama, Javier Domínguez, con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama.
Hoxe, 19 de outubro, celébrase o Día Mundial Contra o Cancro de Mama, unha data á que Sogama se suman un ano máis para dar visibilidade ao tipo de tumor máis frecuente nas mulleres occidentais.
Lamentablemente, case todos tivemos a algunha persoa próxima (unha nai, unha filla, unha neta, unha familiar ou unha amiga), afectada por esta maldita enfermidade que se cobrou a vida de moitas mulleres e que transformou a de moitas outras que lograron sobrevivir, nunha loita sen cuartel, contra un inimigo silencioso e vilán.
Nunha xornada como a de hoxe, queremos unirnos á conmemoración dunha efeméride dedicada, por riba de todo, a concienciar á sociedade sobre a importancia que ten a investigación e o diagnóstico precoz. Porque, se ben o cancro de mama é unha enfermidade grave, pódese curar se se detecta a tempo. Unha vez diagnosticado, as afectadas vénse abocadas a percorrer un camiño pedregoso, razón pola cal deben recibir todo o apoio psicolóxico, social e familiar que lles axude a despexar todas as pedras que atopan ao seu paso para chegar á meta.
O contedor rosa de Sogama converteuse na nosa particular icona dunha data tan especial e conmovedora como esta. É o contedor da esperanza, dos soños e da superación persoal de tantas e tantas mulleres loitadoras que cada día nos dan leccións de fortaleza, coraxe, resistencia e integridade fronte ás vicisitudes da vida.
Desde esta empresa pública, todo o noso afecto, ánimo e agarimo, hoxe e sempre.
Presidente
Javier Domínguez Lino