- Terá lugar en Nova York o próximo 23 de setembro e na mesma daranse cita distintos colectivos sociais para desenvolver solucións ambiciosas en áreas vinculadas ás enerxías renovables, cidades sostibles e resilientes, agricultura e ordenación sostible de océanos e bosques, e resiliencia e adaptación aos impactos climáticos, entre outras.
- O Secretario Xeral da ONU, António Guterres, fixo un chamamento a todos os líderes para que estean presentes neste Cume e que presenten plans concretos e realistas que permitan avanzar conxuntamente cara a un novo modelo económico guiado polos ODS.
Cerceda, 19 de setembro de 2019.- O cambio climático acelérase. Segundo datos da ONU, os últimos catro anos foron os máis calurosos da historia e as temperaturas invernais do Ártico aumentaron, desde 1990, en 3°C. Os niveis do mar seguen subindo, os arrecifes de coral seguen desaparecendo e a saúde humana vese afectada pola contaminación do aire, as olas de calor e as ameazas que sofre a seguridade alimentaria.
Os impactos do cambio climático percíbense en todas partes e empézase a recoñecer que hai vías para lograr modelos de desenvolvemento máis verdes, limpos e resilientes.
As últimas análises indican que, se pasamos xa á acción, poderanse reducir as emisións de carbono de aquí a 12 anos e frear o aumento da temperatura media anual por baixo dos 2 °C, ou ata a 1,5 °C por riba dos niveis preindustriais.
O Acordo de París constitúe o marco de referencia, pero debe ser cumprido en todos os seus termos e acompañarse dunha acción ambiciosa.
O Secretario Xeral da ONU, António Guterres, fixo un chamamento a todos os líderes para que estean presentes neste Cume, que se celebrará en Nova York o próximo 23 de setembro, e que presenten plans concretos e realistas para mellorar as súas contribucións, seguindo a directriz de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro un 45 % nos próximos dez anos e a cero para 2050.
Estes plans, a xuízo de Guterres, non poden articularse de forma illada, senón estar encamiñados cara á transformación das economías seguindo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
O Cume reunirá a gobernos, sector privado, sociedade civil, autoridades locais e outras organizacións internacionais para desenvolver solucións ambiciosas en seis áreas: a transición global cara a enerxías renovables; infraestruturas e cidades sostibles e resilientes; a agricultura e ordenación sostible dos nosos océanos e bosques; a resiliencia e adaptación aos impactos climáticos; e a converxencia de financiamento público e privado cunha economía de emisións netas cero.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación