- O evento, que terá lugar en Costa da Caparica o vindeiro venres, día 6, enmárcase na Quinta Conferencia Internacional WASTES 2019, que se celebra esta semana.
- Representantes da Universidade do Minho, líder do proxecto Res2ValHum, así como de diversas entidades socias, participarán nesta cita en calidade de relatores.
- É preciso recordar que Res2ValHum é un proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal que ten por obxecto poñer en valor a fracción orgánica dos residuos e evitar o seu vertido.
- Galicia está representada nesta iniciativa a través de SOGAMA, CVAN e a USC.
Cerceda, a 4 de setembro de 2019.- No último tramo do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal “Res2ValHum”, cuxo obxectivo é poñer en valor a fracción orgánica dos residuos e evitar o seu vertido, o CVR (Centro de Valorización de Residuos) de Portugal, en calidade de socio, organiza un novo workshop internacional para dar a coñecer a outros públicos os pormenores desta iniciativa.
O evento, que terá lugar o vindeiro venres, día 6, en Costa da Caparica (TRYP Lisboa Caparica Mar Hotel), enmárcase na Quinta Conferencia Internacional WASTES 2019, que se celebra esta semana (do 4 ao 6 de setembro).
Abrirá a primeira sesión do workshop a Doutora Fernanda Proença, da Universidade de Minho, quen explicará os pormenores do Res2ValHum, correndo a cargo de André Ribeiro, pertencente ao CVR, as explicacións sobre o desenvolvemento de ferramentas de xestión de recursos e recollida de datos para este proxecto.
Intervirán tamén representantes da Universidade de Compostela, como é o caso de Felipe Macías, Catedrático de Edafoloxía, quen falará da humidificación e formas de carbono.
Xa na segunda sesión, Joao Graça abordará a Estratexia de Biorresiduos de LIPOR, con sede en Oporto, e Felipe Macías García dará a coñecer a experiencia da firma galega CVAN no ámbito da remediación ambiental. Pola súa banda, Ana Luísa Fernando, pertencente á FCT-Universidade Nova de Lisboa, centrarase na redución da degradación de solos marxinais polo uso de compost.
Ademais da Universidade do Minho, quen lidera o proxecto Res2ValHum, forman parte do mesmo, en calidade de socios, o CVR, LIPOR e BRAVAL, no caso de Portugal, e CVAN, USC e SOGAMA, por parte de Galicia.
WASTES 2019
Organizada conxuntamente polo CVR e FCT-UNL-Facultade de Ciencias e Tecnoloxía da Universidade Nova de Lisboa, esta Conferencia Internacional porá o foco de atención na transición cara á economía circular, así como no desenvolvemento de técnicas, ferramentas e estratexias innovadoras para mellorar o desempeño ambiental corporativo.
Entre as temáticas que se desgranarán durante os tres días figuran, entre outras, a xestión de residuos, a reciclaxe e recuperación de materiais, a avaliación do ciclo de vida, as novas tecnoloxías de tratamento, os residuos como combustibles, así como a loxística, políticas, restricións reguladoras e mercados.
res2valhum.org
Saúdos, Departamento de Comunicación