- Unha enquisa entre consumidores de España e Polonia reflicte que aínda existe confusión sobre a maneira de refugar ou reciclar algúns tipos de envases
Cerceda, a 16 de marzo de 2023.- Enquisas realizadas a consumidores de Polonia e España mostran que o descoñecemento dos símbolos dos envases alimentarios dificulta as prácticas eficaces de xestión de residuos. A través das mesmas, os consumidores expresaron a súa confusión sobre como reciclar envases de materiais mixtos, como é o caso dos de iogur, con diferentes materiais para o bote e a tapa.
Segundo a Dra. Stella Lignou, da Universidade de Reading, quen dirixiu a enquisa, «os consumidores necesitan instrucións realmente claras para poder reciclar ao máximo» e, neste sentido, prefiren a comunicación escrita breve, os vídeos e as infografías para aprender nova información sobre reciclaxe.
En palabras de Lignou, «mesmo cando a xente sabe que materiais inclúe o envase, segue atopando dificultades, por exemplo, se ten que limpalo ou non antes de refugalo».
En relación aos resultados do estudo, apuntou que «son bastante coherentes coas nosas primeiras enquisas de proba de concepto en Grecia e o Reino Unido. A reciclaxe é cada vez máis importante, xa que tentamos protexer os recursos naturais e reducir o noso impacto ambiental. Este estudo dános unha boa indicación do tipo de intervencións que poderían funcionar en toda Europa».
O proxecto levouse a cabo en colaboración coa Universidade de Aarhus (Dinamarca) e outros socios industriais e institutos de investigación europeos. Está financiado polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía no marco do programa EIT Food.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay