- Para poder optar a estes premios (estruturados en 7 categorías), as propostas deben cumprir unha serie de requisitos: que os produtos e as innovacións estean deseñados, desenvolvidos ou fabricados en Europa; que os produtos conteñan un mínimo do 50% de contido reciclado; e que as candidaturas promovan a sostibilidade e a economía circular
Cerceda, a 9 de decembro de 2022.- O prazo para a presentación de candidaturas aos Plastics Recycling Awards Europe 2023, premios organizados por Plastics Recyclers Europe (PRE) e Crain Communications, conclúe o próximo 20 de decembro.
O certame, que está orientado a propietarios de marcas, fabricantes, minoristas, deseñadores de produtos, produtores e deseñadores de envases, provedores de materias primas, fabricantes de máquinas de reciclaxe de plásticos e provedores de produtos de plástico reciclado de toda a cadea de valor, estrutúrase en sete categorías: Produto de Automoción, Eléctrico ou Electrónico; Produto de Construción; Produto de Fogar e Lecer; Produto de Embalaxe de Plástico; Innovación en Tecnoloxía de Produto; Innovación en Maquinaria de Reciclaxe, e Embaixador da Reciclaxe de Plásticos.
Para poder optar a un premio, as candidaturas deben cumprir unha serie de requisitos: que os produtos e as innovacións estean deseñados, desenvolvidos ou fabricados en Europa; que os produtos conteñan un mínimo do 50% de contido reciclado, e que as propostas promovan a sostibilidade e a economía circular.
Os finalistas preseleccionados presentaranse na feira Plastics Recycling Show Europe (PRSE), que terá lugar no RAI de Ámsterdam (Países Baixos) os días 10 e 11 de maio de 2023. O segundo día entregaranse os premios aos gañadores das distintas categorías.
Fonte e imaxe: Residuos Profesional