- Con esta efeméride, que se celebra hoxe, 16 de outubro, invítase a reflexionar e revivir o aprecio pola comida, esencia da vida e base de culturas e comunidades, e para render tributo a todas as persoas que participan no proceso para provela ao redor do mundo.
- A FAO asegura que preservar o acceso a alimentos inocuos e nutritivos é e seguirá sendo unha parte esencial da resposta á pandemia de COVID-19, en particular para as comunidades pobres e vulnerables, que son as máis afectadas polas crises.
Cerceda, a 16 de outubro de 2020.- Hoxe celébrase o Día Mundial da Alimentación, precisamente nun momento en que todos os países sofren as consecuencias da pandemia do COVID-19. É por isto que esta efeméride é aproveitada para facer un chamamento á solidariedade de cara a axudar á recuperación das persoas máis vulnerables, propiciar que os alimentos saudables cheguen a todos os recunchos do mundo e facer que os sistemas alimentarios sexan máis sostibles e resilientes ante crises bruscas.
Con esta xornada invítase a reflexionar e revivir o aprecio por algo que moitos “dan por sentado e que outros non teñen”, como é a comida, esencia da vida e base de culturas e comunidades, e tamén para render tributo a todas as persoas que participan no proceso para provela.
A FAO asegura que preservar o acceso a alimentos inocuos e nutritivos é e seguirá sendo unha parte esencial da resposta á pandemia de COVID-19, en particular para as comunidades pobres e vulnerables, que son as máis afectadas polas crises.
Uns 130 millóns de persoas corren o risco de ser empuxadas ao bordo da inanición a finais deste ano, o que se suma aos 690 millóns que xa carecen do básico para comer. Ao mesmo tempo, máis de 3.000 millóns de persoas non poden permitirse unha dieta saudable.
Tamén se quere facer unha homenaxe aos #HéroesdelaAlimentación que plantan, cultivan, pescan ou transportan os alimentos. Non en van, o lema de 2020 é "Cultivar, nutrir, preservar. Xuntos".
Para António Guterres, Secretario Xeral da ONU, a concesión do Premio Nobel da Paz deste ano ao Programa Mundial de Alimentos das Nacións Unidas recoñece o dereito de todas as persoas á alimentación e a loita para lograr o “fame cero”. Sinalou que “nun mundo de abundancia, é unha afronta grave que centos de millóns se deiten con fame cada noite”, ao que engadiu que o coronavirus intensificou aínda máis a inseguridade alimentaria a un nivel non visto en décadas.
“Ao conmemorar o 75º aniversario da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, debemos intensificar os nosos esforzos para lograr a visión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Isto significa un futuro no que todos, en todas partes, teñan acceso á nutrición que necesitan”, indicou.
Máis información en http://www.fao.org/world-food-day/home/es/