- Tivo lugar na planta de xestión de residuos de Lipor, que da servizo aos oito municipios da zona de Grande Porto.
- No transcurso do encontro, que contou coa presenza de representantes das entidades socias do proxecto, Sogama deixou constancia dos traballos de formación e divulgación realizados no marco do mesmo.T
- Tamén en Oporto, Isidro García aludiu aos avances da entidade no ámbito da compostaxe doméstica, toda vez que xa repartiu preto de 10.000 composteiros entre 295 entidades galegas.
- A empresa pública dispón igualmente dunha planta de compostaxe industrial que entrará en operación cando os concellos máis próximos á mesma implanten a recollida selectiva da fracción orgánica a través do quinto contedor.
- A instalación, con capacidade para procesar 15.000 toneladas anuais, producirá da orde de 3.000-4.000 toneladas de compost de boa calidade cada ano.
Cerceda, a 15 de febreiro de 2019.- O director xeral de Sogama, Isidro García Téllez, acompañado por técnicos desta empresa pública, desprazouse á cidade portuguesa de Oporto para participar nunha nova reunión do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Res2ValHum, cuxo obxecto é poñer en valor a materia orgánica para evitar o seu vertido.
Tras varios encontros anteriores mantidos na Universidade do Miño (Braga) e na Universidade de Santiago de Compostela, así como no propio complexo medioambiental de Sogama en Cerceda, nesta ocasión foron as instalacións da firma portuguesa Lipor as que acolleron aos representantes dos sete socios desta iniciativa: por parte de Portugal, a Universidade do Minho, que asume o liderado; CVR (Centro de Valorización de Residuos); LIPOR (Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos de Grande Porto); e BRAVAL (Valorización e Tratamento de Residuos Sólidos, S.A). E, por parte de Galicia, SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente), USC (Universidade de Santiago de Compostela) e CVAN (Centro de Valorización Ambiental do Norte, S.L).
No transcurso da xornada, que foi complementada cunha visita guiada ás instalacións de Lipor, entidade que dá servizo aos oito municipios da zona de Grande Porto a través dun modelo que combina a reciclaxe coa valorización da materia orgánica e a valorización enerxética da fracción non reciclable, realizouse unha avaliación dos progresos e nivel de cumprimento dos compromisos adquiridos polas partes no marco do proxecto Res2ValHum.
FORMACIÓN E DIVULGACIÓN EN COMPOSTAXE
Sogama deixou constancia dos traballos de formación e divulgación realizados. É o caso dun conto infantil sobre compostaxe, editado en formato dixital, e que xa viu a luz en días pasados, así como a elaboración de contidos online na materia, un ambicioso manual de compostaxe e un xogo destinado a escolares.
Neste sentido, cabe recordar que a Sociedade levou a cabo, no último trimestre do pasado ano, un workshop sobre compostaxe celebrado no CITEXVI de Vigo, que contou coa asistencia dun cento de universitarios e profesionais do sector dos residuos, ademais de técnicos e cargos políticos de diversos concellos. Os contidos do mesmo enriquecéronse coas achegas do presidente de Sogama, Javier Domínguez; o propio director xeral, Isidro García; a subdirectora xeral de Residuos da Xunta de Galicia, Verónica Tellado; o catedrático da Universidade de Vigo e vicepresidente achego da CRUE, Salustiano Mato, así como a técnica superior da División de Operacións de LIPOR, Júlia Oliveira.
No transcurso do mesmo enxalzouse o importante papel que a compostaxe debe desempeñar na economía circular e a imperiosa necesidade de coñecer con maior precisión o proceso biolóxico para sacar o máximo rendemento ao mesmo.
MÁIS DE 10.000 COMPOSTEIROS REPARTIDOS
E tamén en Oporto, Isidro García puxo sobre a mesa os avances de Sogama no ámbito da compostaxe doméstica, toda vez que esta empresa pública repartiu xa preto de 10.000 composteiros entre 295 entidades galegas (concellos, centros educativos e colectivos sociais) e dispón dunha planta de compostaxe industrial que entrará en operación cando os concellos máis próximos á mesma implanten a recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos urbanos a través do quinto contedor. A instalación, con capacidade para procesar 15.000 toneladas anuais, producirá da orde de 3.000-4.000 toneladas de compost de boa calidade cada ano.
Con ambas modalidades de compostaxe, Sogama contribuirá de forma decidida á valorización da materia orgánica e, sen dúbida, a súa participación en Res2ValHum serviralle para intercambiar experiencias e coñecementos co resto dos socios para aproveitar todo o potencial desta fracción, con posibilidades noutros ámbitos que van máis aló da súa capacidade para actuar como fertilizante de solos.
Saúdos, Departamento de Comunicación