- A intervención de Isidro García Téllez terá lugar, vía online, mañá, 10 de decembro.
- Baixo o título “Pechando o círculo da xestión dos biorresiduos no modelo Sogama”, o directivo explicará o labor desta empresa pública na valorización da materia orgánica, tanto a través da compostaxe industrial como doméstica, e exporá igualmente o traballo desenvolvido no marco deste proxecto.
- A xornada levarase a cabo desde o anfiteatro da Universidade do Minho (Braga-Portugal), líder do proxecto, do que tamén forman parte, en calidade de socios, Lipor, Braval e CVR, por parte de Portugal; e CVAN, USC e Sogama, por parte de Galicia.
Cerceda, a 9 de decembro de 2020.- O Director Xeral de Sogama, Isidro García Téllez, participará mañá, 10 de decembro, na Conferencia Final do Proxecto de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal “RES2VALHUM”, na que se darán a coñecer os seus resultados, principais conclusións e retos de futuro.
A xornada levarase a cabo, vía dixital, desde o anfiteatro da Universidade do Minho (Braga-Portugal), líder desta iniciativa, cuxo principal cometido foi poñer en valor a materia orgánica a través da compostaxe, contando coa participación, en calidade de socios, de Sogama, USC e CVAN, por parte de Galicia; e Lipor, Braval e CVR, por parte de Portugal.
PECHANDO O CÍRCULO DOS BIORRESIDUOS
Baixo o título “Pechando o círculo da xestión dos biorresiduos no modelo Sogama”, García Téllez explicará o labor desenvolvido por esta empresa pública no tratamento da materia orgánica, tanto a través da compostaxe industrial como doméstico.
Así mesmo, dará a coñecer as accións que esta compañía pública levará a cabo os próximos anos co obxecto de contribuír a que a reciclaxe dos residuos orgánicos se faga estensiva a todo o territorio galego, axudando aos entes locais a cumprir un dos principais obxectivos establecidos pola Unión Europea.
Igualmente, exporá o traballo realizado por Sogama no marco do proxecto Res2ValHum e que se traduciu na organización e execución de dous workshops (un en Vigo e outro en Cerceda), cunha excelente acollida e aforo; a elaboración de diversos materiais didácticos e divulgativos tales como contidos online, un conto infantil sobre compostaxe, un vídeo, un xogo e un manual de compostaxe; e todo isto complementado coa distribución de preto de 600 composteiros (de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) entre diversos colectivos e concellos, destacando os cedidos aos 100 operadores adscritos ao CRAEGA (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia)
SOBRE RES2VALHUM
Enmarcado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, o espírito de Res2ValHum reside fundamentalmente na promoción da compostaxe da materia orgánica e, máis específicamente, na colaboración entre dúas rexións (Galicia e Norte de Portugal) con estreitos lazos históricos, culturais, sociais e tamén medioambientais, para optimizar a xestión dos residuos a ambos lados da fronteira e facela máis sostible.
Saúdos, Departamento de Comunicación