
- Así o asegura un informe da AEMA, coa conseguinte presión sobre o clima e o medio ambiente
- Os datos poñen de relevo a necesidade de afastarse da moda rápida e producir téxtiles de maior calidade e durabilidade, deseñados para alongar a súa vida útil e que poidan reutilizarse, repararse e reciclarse
Cerceda, ao 10 de abril de 2025.- Segundo o informe da AEMA “Circularidade da cadea de valor téxtil da UE en cifras”, o cidadán medio da UE comprou 19 kg de roupa, calzado e téxtiles para o fogar en 2022, fronte aos 17 kg de 2019, o que equivale a encher unha maleta grande por persoa ao ano.
O impacto do actual sistema de produción e consumo de téxtiles continúa xerando altas presións sobre o medio ambiente e o clima, mesmo a través do uso de materiais, auga e terra, emisións de gases de efecto invernadoiro, produtos químicos e microplásticos. De feito, das 12 categorías de consumo dos fogares europeos —como alimentación, mobilidade, vivenda, saúde e educación—, o consumo de téxtiles situouse, de media, no quinto lugar en canto a presións ambientais e climáticas .
A UE busca reducir estes impactos e lograr que os téxtiles sexan máis circulares e sostibles desde o deseño. Para isto requírese un cambio sistémico, avanzando cara á produción de bens máis circulares e de maior calidade, cun maior valor de uso e que se poidan reutilizar, reparar ou reciclar con maior facilidade.
Moda rápida e compras en liña
A combinación do aumento das compras en liña, a influencia das redes sociais e os baixos custos de produción dos téxtiles sintéticos foi fundamental para o auxe da moda rápida. Isto permitiu aos minoristas ofrecer aos consumidores novos estilos a prezos baixos.
Neste sentido, o informe da AEMA sinala que as tecnoloxías dixitais, como a impresión 3D, poden reducir os residuos na produción e utilizarse para diminuír a presión ambiental e climática dos téxtiles ao mellorar a eficiencia. Con todo, tamén corren o risco de aumentar o consumo ao permitir custos de produción e prezos máis baixos.
Residuos téxtiles
En 2022, os Estados membros da UE xeraron aproximadamente 6,94 millóns de toneladas de residuos téxtiles, o que equivale a 16 kg por persoa.
A recollida media de residuos téxtiles na UE, un indicador da eficacia dos sistemas de recollida selectiva, foi aumentando lentamente, cun incremento de 4,3 puntos porcentuais desde 2016, pero segue sendo baixa. En 2022, o 85% de todos os residuos téxtiles dos fogares non se recolleron por separado, senón que acabaron como residuos domésticos mixtos .
Agárdase que a implementación da lexislación da UE sobre a recollida separada de residuos téxtiles, aumente significativamente as taxas de reciclado e recuperación.
Fonte: AEMA
Imaxe: Freepik