- A través dun cartel e un breve folleto, a empresa quere transmitir, dunha forma concreta, resumida e áxil, os residuos que deben, e non deben, depositarse en cada un dos contedores máis habituais nas rúas dos concellos adheridos ao seu modelo de xestión
- A pretensión desta iniciativa é axudar aos entes locais a mellorar as súas taxas de reciclaxe
Cerceda, a 10 de outubro de 2023.- “O futuro da nosa contorna depende de nós”. Así reza o lema da nova campaña dixital que Sogama vén de lanzar co fin de transmitir, dunha forma sinxela, resumida e áxil, os residuos que deben, e non deben, depositarse en cada un dos contedores habituais nas rúas daqueles concellos (295 en total) que están adscritos ao seu sistema de xestión.
Apelando á necesidade de que cada persoa contribúa co seu pequeno esforzo a garantir un mundo mellor, pensando sobre todo nas novas xeracións, a entidade enviou aos centros educativos e aos entes locais un cartel no que se identifica, de forma esquemática e con debuxos, os principais materiais a introducir en cada contedor.
Como apoio, acompaña este cartel cun folleto dixital no que se detalla, de forma pormenorizada, como clasificar os refugallos en orixe e a que recipiente deben ir. Un xesto cotián co que a poboación contribuirá a incrementar as taxas de reciclaxe na nosa comunidade e os seus beneficios: maior protección do medio ambiente e a saúde pública e redución do consumo de materias primas virxes e de emisións de CO2 á atmosfera, sen esquecer o aforro económico.
Neste sentido, lémbrase que o contedor amarelo acolle envases de plástico, latas e briks; o azul, papel e cartón; o iglú verde, botellas, frascos e tarros de vidro; o contedor marrón, a materia orgánica; e o xenérico, a fracción resto, é dicir, aqueles refugallos non reciclables, que Sogama converte posteriormente en electricidade.
Ademais, incídese en que o contedor amarelo non está concibido para acoller calquera tipo de plástico, senón para envases e envoltorios plásticos de carácter doméstico; que o vidro e o cristal non son o mesmo, polo que as copas e vasos de cristal non poden depositarse no iglú verde; que o papel e cartón a introducir no contedor azul debe estar limpo e sen restos de graxa; e que calquera refugallo que poida ir nos contedores de recollida selectiva, non debe introducirse no de resto.
Saúdos, Departamento de Comunicación