- Moitos dos participantes do terceiro panel europeo de cidadáns, que se reuniron entre o 1 e o 3 de outubro, mostráronse preocupados polos últimos desastres naturais en Europa e pola súa intensificación.
- Defenderon que a UE debería educar ás persoas para vivir de forma máis sostible e fomentar os medios de transporte respectuosos co medio ambiente, así como a enerxía renovable.
Cerceda, a 13 de outubro de 2021.- Máis de 200 persoas reuníronse recentemente en Estrasburgo para intervir nunha serie de debates que definirán o rumbo das políticas europeas nos próximos anos.
Os participantes na Conferencia sobre o Futuro de Europa coincidiron en sinalar a necesidade de frear o quecemento global, prepararse para facer fronte ás consecuencias do cambio climático e limitar o dano ao medio ambiente.
COIDAR A CONTORNA E A SAÚDE
Moitos dos participantes do terceiro panel europeo de cidadáns, que se reuniron entre o 1 e o 3 de outubro, mostráronse preocupados polos últimos desastres naturais en Europa e a súa intensificación, o que achacan ao cambio climático. Defenderon que a Unión Europea debería educar ás persoas para vivir de forma máis sostible e fomentar os medios de transporte respectuosos co medio ambiente, así como a enerxía renovable.
No panel tamén se destacou o vínculo entre coidar o medio ambiente e a saúde das persoas, subliñando que a UE debe incluír na súa axenda o fomento da agricultura sostible e a comida de calidade para todos.
TEMÁTICAS A ABORDAR
Nas próximas reunións, os panelistas compartirán as súas ideas sobre como lograr estilos de vida máis saudables, protexer a biodiversidade, producir comida máis sa e segura, regular o consumo e reforzar os sistemas sanitarios europeos.
Estes temas divídense en cinco subgrupos para que se poidan tratar en profundidade:
- Mellores formas de vivir
- Protexer o noso medio ambiente e a nosa saúde
- Redirixir a nosa economía e consumo
- Cara a unha sociedade máis sostible
- Saúde
O panel elixiu de forma aleatoria a 20 representantes que presentarán as súas suxerencias ao pleno da Conferencia que terá lugar os días 21 e 22 de xaneiro en Estrasburgo.
A segunda sesión do panel sobre cambio climático, medio ambiente e saúde reunirase de maneira virtual entre o 12 e o 14 de novembro e a última sesión terá lugar en Varsovia entre o 7 e 9 de xaneiro.
As recomendacións dos paneis axudarán a darlle forma ás conclusións da Conferencia, previstas para a primavera de 2022.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pexels