- Segundo datos do INE, os ámbitos con maior peso no GNPA foron os servizos de xestión de residuos (62,6% do total) e os de xestión de augas residuais (17,7%)
- Por sectores institucionais, o de Sociedades realizou o 44,4% do gasto total, concretamente 8.634 millóns de euros
Cerceda, a 27 de decembro de 2022.- Segundo a conta de Gasto en Protección Ambiental correspondente a 2021, e publicada recentemente polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o Gasto Nacional en Protección Ambiental (GNPA) aumentou un 0,2% ata alcanzar os 19.417,6 millóns de euros o pasado ano, o que representa o 1,61% do Produto Interior Bruto (PIB),
Os ámbitos con maior peso no GNPA foron os servizos de xestión de residuos (62,6% do total) e os de xestión de augas residuais (17,7%). Pola súa banda, os que tiveron menor peso foron os servizos de protección da biodiversidade e a paisaxe (5,6%) e a I+D ambiental e outras actividades (6,4%).
Con todo, o maior incremento de gasto respecto do exercicio anterior correspondeu aos servizos de protección da biodiversidade e a paisaxe (26,2%). Pola contra, os gastos en xestión de augas residuais e en xestión de residuos diminuíron un 3,4% e un 1,4%, respectivamente.
En canto ás achegas ao aumento do GNPA en 2021, os ámbitos máis destacados foron os servizos de protección da biodiversidade e a paisaxe (1,168 puntos) e os de protección do aire, clima, chans, radiacións, diminución do ruído e vibracións (0,314).
Por sectores institucionais, o de Sociedades realizou o 44,4% do gasto total en 2021, concretamente 8.634 millóns de euros, un 11,3% menos que no ano anterior. Mentres, o gasto do sector Administracións Públicas e ISFLSH representou o 38,6% do total, ao alcanzar os 7.490 millóns, un 10,6% máis que en 2020.
Pola súa banda, os fogares aumentaron o seu gasto un 14,1%, ata 3.294 millóns, un 17,0% do total. O sector Administracións Públicas e ISFLSH foi o que máis achegou ao aumento do GNPA, cunha contribución de 3,704 puntos, seguido do sector fogares, con 2,105 puntos.
As principais partidas do gasto nacional en 2021 corresponderon ao consumo final (48,2% do total), ao consumo intermedio (37,1%) e á formación bruta de capital fixo (15,7%). O 64,8% do gasto en consumo final realizouno o sector Administracións Públicas e ISFLSH ,e o 35,2% restante o sector fogares. Pola súa banda, o sector Administracións Públicas e ISFLSH efectuou o 51,2% da formación bruta de capital fixo, fronte ao 48,8% do sector Sociedades.
Fonte: INE
Imaxe: Pexels