- Educadores ao servizo desta empresa pública formaron aos escolares de 1º de ESO na correcta xestión dos residuos urbanos a través da aplicación do principio dos tres erres.
- Sogama animou ao alumnado a tomar as rendas do cambio para garantir un futuro máis próspero, hoxe seriamente ameazado pola contaminación e o cambio climático.
Cerceda, a 14 de xaneiro de 2022.- Educadores de Sogama impartiron esta mañá unha sesión formativa no IES Saturnino Montojo de Ferrol, que dirixiron aos escolares de 1º de ESO.
O obxectivo desta xornada era instruílos na correcta xestión dos residuos urbanos e conciencialos sobre a extraordinaria importancia que ten a colaboración dos cidadáns para lograr un planeta máis limpo, saudable e sostible.
É por isto que se insistiu na necesidade de priorizar a aplicación diaria do principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), toda vez que sobre estes aséntanse os cimentos da sustentabilidade.
Previr e reducir a produción de lixo en orixe a través dun consumo responsable, aproveitar ao máximo os produtos e separalos por tipoloxías unha vez convertidos en residuos, constitúen a máxima a seguir.
A separación dos materiais que conforman o lixo diario e o depósito dos mesmos nos contedores de recollida selectiva, eríxese no primeiro xesto para propiciar o seu posterior reciclado e, por tanto, a súa transformación en novos produtos que se reincorporan ao circuíto comercial. Con isto alcanzaranse importantes beneficios ambientais tales como a diminución do consumo enerxético e o aforro de materias primas virxes, entre outros.
Tamén se prestou especial atención á valorización da materia orgánica a través da súa conversión en compost, un abono natural de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes na agricultura e xardinería.
Sogama móstrase convencida en que os pequenos poden ter un gran poder de persuasión cando serven de exemplo a seguir na súa contorna familiar e social máis inmediata. Animounos a tomar as rendas do cambio para garantir un futuro máis próspero, hoxe seriamente ameazado pola contaminación e o cambio climático.
Saúdos, Departamento de Comunicación