- En ambos os dous casos, Sogama é a encargada de subministrar os composteiros de forma gratuíta e de proporcionar o material didáctico de apoio.
Cerceda, a 26 de febreiro de 2021.- O Concello de O Incio (Lugo) decidiu sumarse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co fin de poñer en valor a materia orgánica en orixe e lograr con isto importante beneficios ambientais, económicos e sociais.
Farao, nunha primeira fase, con 25 familias interesadas nesta iniciativa, recuperando así unha práctica tradicional no rural galego, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica ao contar os usuarios cun composteiro.
Este recipiente debe colocarse no exterior, en contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, e nunha zona protexida do vento, debendo levar a cabo os participantes un control de parámetros crave tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
O resultado final será un abono natural de alta calidade e con excelentes propiedades fertilizantes para xardíns, hortas e cultivos, actuando mesmo como protector do solo fronte a pragas e enfermidades.
Os composteiros, con capacidade para 390 litros, e fabricados con materiais reciclados e reciclables, serán subministrados gratuitamente por Sogama, xunto con manuais didácticos de apoio. O Concello será o encargado de facer un seguimento para comprobar se os veciños que autoxestionan os restos orgánicos a través deste proxecto están a aplicar correctamente a técnica e solventar as súas dúbidas.
Dado que a materia orgánica representa o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, diminuíndo as cantidades de refugallos a recoller, transportar e tratar, e, polo tanto, o importe das facturas a pagar por estes conceptos.
Así mesmo, a empresa está ao dispor do ente local para impartir un curso de formación destinado á veciñanza cando as circunstancias o permitan. Con todo, os interesados contan cun sitio web www.compostaconsogama.gal, no que se inclúe toda a información sobre este programa, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e achéganse recursos complementarios para unha mellor comprensión do proceso e as súas bondades.
Pola súa banda, o Concello de Pantón, adherido ao programa de autocompostaxe de Sogama desde hai anos, estenderao a outras 25 familias, sumando un total de 150 as vivendas participantes nesta localidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación