- Así se pronunciou o presidente de Sogama no programa radiofónico Ecovoz, emitido por Radio Voz Galicia
- De entre as distintas accións de educación ambiental lideradas por esta empresa pública, destacou o programa de visitas ás súas instalacións, polo que xa pasaron máis de 84.000 persoas, constituíndo todo un exemplo de transparencia
- Tamén se referiu, dentro dos grandes proxectos, á rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, posta en marcha precisamente para axudar aos concellos a cumprir as súas obrigacións legais, e ao programa de compostaxe doméstica, no que se repartiron preto de 22.000 composteiros
Cerceda, a 12 de xuño de 2024.- “Sogama é moito máis que unha industria, pois, na súa condición de servizo público, tamén leva a cabo unha importante tarefa no eido da educación, formación e concienciación ambiental que a poboación xa recoñece e valora”. Así o manifestou o seu presidente, Javier Domínguez Lino, no programa radiofónico Ecovoz, ao que cualificou como un importante instrumento de sensibilización social en torno ao desenvolvemento sostible.
No transcurso da súa entrevista, Domínguez aludiu ás distintas accións e iniciativas que a compañía leva a cabo na divulgación ambiental, puidendo destacar o programa de visitas ao Complexo Medioambiental de Cerceda, polo que pasaron máis de 84.000 persoas interesadas en coñecer os seus procesos, así coma o potencial dos residuos na economía circular.
Tralo parón obrigado pola pandemia, este programa regresou, se cabe, con máis forza, implantando, para os menores de idade, e por razóns operativas e de seguridade, unha visita virtual con lentes inmersivos 360º, cualificada polos participantes como unha experiencia única que permite acceder a aqueles recunchos do Complexo que non é posible ver nun percorrido a pé. Constitúe, a xuízo do máximo responsable da Sociedade, todo un exemplo de transparencia institucional.
Rede pública para a valorización da materia orgánica
O presidente de Sogama tamén se referiu á rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica mediante a súa compostaxe e que precisamente se puxo en marcha para axudar aos concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, a dar debido cumprimento ás súas obrigacións legais. Tal e como apuntou “Non debemos esquecer que, desde o 31 de decembro de 2023, os entes locais teñen a obriga de implantar a recollida diferenciada da materia orgánica”.
Cun investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns procederon dos Fondos Europeos, esta rede está conformada por 17 instalacións (4 plantas de biorresiduos: Cervo, en Lugo; Verín, en Ourense; Cerceda, en A Coruña; e Vilanova de Arousa; en Pontevedra) e 13 plantas de transferencia de apoio que contan cunha tolva específica para o transvasamento dos residuos orgánicos.
O obxectivo é que a práctica totalidade dos 295 concellos adheridos a Sogama, dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia, axudándolles desta forma a reducir custos, tanto ambientais coma económicos.
Tradición renovada
Así mesmo, Domínguez Lino falou da compostaxe doméstica como complemento á industrial e, neste sentido, expuxo que, desde hai anos, Sogama lidera en Galicia un programa de autocompostaje ao que están adscritas 467 entidades (228 concellos, 207 centros educativos e 32 colectivos sociais) entre as que a empresa repartiu preto de 22.000 composteiros de forma gratuíta, ademais de impartir a formación correspondente.
Ao respecto, manifestou que “funciona francamente ben porque se trata de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, coa particularidade de que a autocompostaxe cumpre perfectamente o principio de proximidade, é dicir, o cidadán xestiona os residuos orgánicos na súa propia vivenda, transformándoos nun abono natural de alta calidade que regresa á terra en forma de fertilizante para dar unha nova vida. É, en esencia, o ciclo da natureza”.
Saúdos, Departamento de Comunicación