- Así o manifestou o presidente desta entidade pública, Javier Domínguez, nunha mesa redonda organizada por APROEMA para desgranar o papel dos xestores de residuos no cumprimento dos ODS da Axenda 2030.
- Explicou que a ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda incrementará a capacidade de valorización material dos residuos e posibilitará que a compañía chegue en 2020 ao vertido técnico cero, 15 anos antes do establecido por Europa.
- Tal e como sinalou, a folla de ruta da compañía dirixirase, seguindo as directrices da Xunta, cara á construción e xestión de tres novas plantas de compostaxe industrial en Galicia que complementarán ás existentes e cuxo fin será potenciar a recuperación da materia orgánica mediante a súa conversión nun compost de alta calidade.
Santiago, a 30 de xaneiro de 2020.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participou esta mañá nunha mesa redonda promovida por APROEMA (Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia) e celebrada en Santiago de Compostela, concretamente na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), coa que se pretendía desgranar o papel dos xestores de residuos no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030.
O encontro, que contou tamén coa intervención da directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Mª Cruz Ferreira; o xerente da Zona Norte de Ecoembes, Fernando Blázquez; e o vogal de residuos biodegradables e orgánicos da Xunta Directiva de Aproema, David González, ademais da propia presidenta desta Asociación, Maruxa Pérez, serviu para poñer en común o traballo realizado polas distintas entidades dentro do seu campo de actuación, prestando especial atención ao obxectivo 12 “Produción e Consumo Responsables”.
ALUMNOS AVANTAXADOS
Tras realizar un repaso polos principais fitos da actividade de Sogama nos últimos anos, Javier Domínguez destacou a achega realizada por esta empresa pública dependente da Xunta de Galicia á protección do medio ambiente e á mellora da calidade de vida dos cidadáns. Tal e como sinalou, “grazas ao seu traballo conseguíronse eliminar os centos de vertedoiros incontrolados municipais e os milleiros de puntos de vertido ilegal que ameazaban a contorna galega na década dos 90”.
Logo dunha permanente evolución no tempo, o actual goberno da Xunta decidiu ir máis aló e proceder á ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, que hoxe conta con capacidade para tratar, en condicións óptimas, 1 millón de toneladas anuais ou, o que é o mesmo, todos os residuos urbanos producidos na comunidade.
Esta ampliación, que se levou a cabo en liña coa industria 4.0, permitirá á compañía incrementar de forma notable a súa achega ao reciclado e alcanzar en 2020 o vertido técnico cero, 15 anos antes do estipulado polo Parlamento Europeo. “Somos alumnos avantaxados e fixemos os deberes”, abundou Domínguez.
MÁXIMO RIGOR E CONTROL
Manifestou de forma categórica que o obxectivo desta mellora en Sogama é incrementar a valorización material dos refugallos e diminuír o uso do vertedoiro, tal e como esixe a Unión Europea.
Referiuse tamén ás distincións públicas recibidas por parte de distintos entes, como é o caso do recente recoñecemento de Ardán a Sogama en calidade de empresa innovadora e creadora de riqueza 2019. Non en van, a súa actividade xera 1.000 postos de traballo, entre directos e indirectos.
Así mesmo, subliñou o máximo control ambiental ao que está suxeito a infraestrutura industrial de Sogama, utilizando para isto tecnoloxías vanguardistas que lle permiten manter uns niveis de emisión situados moi por baixo dos límites legais.
TRES NOVAS PLANTAS DE COMPOSTAXE INDUSTRIAL
Ademais de pasado e presente, o máximo responsable de Sogama falou tamén de futuro. “A nosa folla de ruta, encomendada pola Xunta de Galicia, é construír e Xestionar tres novas plantas de compostaXe industrial (unha na provincia de Ourense, outra na de Lugo e unha terceira na de Pontevedra), que se sumarán ás públicas e privadas existentes, entre estas a de compostaxe de Sogama en Cerceda, co fin de potenciar a recuperación da materia orgánica mediante a súa recollida selectiva e convertela nun compost de alta calidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación