- Christophe Cord’homme, vicepresidente do Grupo de Traballo, asegura que este sistema “proporciona enerxía sostible e dispoñible localmente, reduce a dependencia dos combustibles fósiles e contribúe á protección do clima ao evitar as emisións de metano dos vertedoiros”
Cerceda, a 6 de setembro de 2023.-A Asociación Internacional de Residuos Sólidos (ISWA) publicou o “Libro Branco sobre Tecnoloxías de Valorización Enerxética de Residuos”, un documento a través do cal proporciona unha visión conxunta dos aspectos técnicos, económicos, lexislativos, institucionais, sociais e, sobre todo, ambientais, das tecnoloxías térmicas dispoñibles que producen enerxía a partir de residuos.
O obxectivo deste informe é precisamente dar a coñecer os requisitos previos esenciais que deben cumprirse para garantir a viabilidade, a curto e longo prazo, da construción e explotación de instalacións de valorización enerxética de residuos municipais.Tal e como se recolle na publicación, trátase dunha “tecnoloxía limpa e sólida” que pode adoptarse nas zonas céntricas das cidades.
Christophe Cord’homme, vicepresidente do Grupo de Traballo sobre Recuperación de Enerxía de ISWA, asegura que este sistema de valorización “proporciona enerxía sostible e dispoñible localmente, reduce a dependencia dos combustibles fósiles e contribúe á protección do clima ao evitar as emisións de metano dos vertedoiros”. Así mesmo, apoia a súa instalación o máis preto posible dos centros urbanos, respectando “o principio de proximidade e ofrecendo unha solución hixiénica, segura e fiable para o tratamento dos residuos municipais, combinada coa produción de enerxía renovable non intermitente e a recuperación de minerais e metais”.
Os autores do Libro Branco conclúen que, como sumidoiro final, a enerxía obtida a partir de residuos intégrase nun sistema de xestión eficiente e sostible, “que vai da man da reciclaxe e o tratamento biolóxico dos residuos, reducindo a vertedura e as queimas ao aire libre e, polo tanto, protexendo o medio ambiente e a saúde humana, e mitigando o cambio climático».
Sobre ISWA
É unha asociación non gobernamental, independente e sen ánimo de lucro, cuxa misión é promover e desenvolver a xestión profesional de residuos en todo o mundo como unha contribución ao desenvolvemento sostible.
Fonte e imaxe: ISWA
https://www.iswa.org/blog/report-launch-whitebook-on-energy-from-waste-technologies/?v=04c19fa1e772