- En 2019 bateu récords, chegando aos 53,6 millóns de toneladas, unha cifra que podería alcanzar os 74 millóns en 2030
- Científicos da Royal Society of Chemistry do Reino Unido alertan de que a expansión da minería para obter metais raros e compoñentes valiosos para os dispositivos, non só é finita, senón insostible. A solución pasa por reciclalos e darlles unha segunda vida
Cerceda, a 14 de xullo de 2022.- Segundo a ONU, o lixo electrónico é o que máis crece en todo o planeta. En 2019, bateu récords, chegando aos 53,6 millóns de toneladas, unha cifra que podería alcanzar os 74 millóns en 2030, duplicando a súa cantidade en 15 anos.
A taxa de reciclaxe de lixo tecnolóxico continúa a ser baixa (preto do 20%) e a súa xestión e tratamento ineficiente, malia que as súas materias primas poden seguir reutilizándose e contribuír deste xeito á economía circular.
Científicos da Royal Society of Chemistry (RSC) do Reino Unido solicitaron un esforzo global para aumentar a reciclaxe desta fracción de residuos e alertan de que a expansión da minería para obter metais raros e compoñentes valiosos para os dispositivos, non só é finita, senón insostible.
Nun futuro bastante próximo, extraer todos os metais preciosos (ouro, prata, cobre, platino e paladio), así como materiais voluminosos (aceiro e aluminio) orientados á tecnoloxía de consumo, non será posible. A solución pasa por reciclalos e darlles unha segunda vida.
A CIDADANÍA DEMANDA TECNOLOXÍA MÁIS SOSTIBLE
Un estudo publicado pola organización apunta a un cambio de actitude nos consumidores con respecto á sostibilidade e aos hábitos de compra, xa que hai unha demanda en alza de tecnoloxía máis sostible.
A enquisa tamén subliña a confusión e a frustración que envolven ao consumidor debido á falta de información clara e precisa. Máis do 60% dos usuarios cambiaríanse aos rivais das súas marcas tecnolóxicas preferidas se optasen por unha fabricación sostible, e o 70% coincide en que é difícil e custoso reparar os dispositivos electrónicos.
Ademais, tres cuartas partes cren que se deben tomar medidas urxentes por parte dos gobernos para atallar a crise do lixo electrónico. Máis da metade expresan a súa preocupación polas consecuencias ambientais de ter vellos aparellos na casa, aínda que confesan non saber que deben facer con eles.
Fonte: Gestores de Residuos
Imaxe: Pixabay