- Decidiron crear, a partir de materiais de refugallo, un “Recolledor especial do intolerable lixo espacial”, proxecto coordinado pola profesora Mª Elena Pena Novás.
- Para isto utilizaron plásticos, briks, tapóns, latas, xornais, cartóns, porexpán e papel de aluminio.
- Trátase dun robot 100% ecolóxico e sostible, dadas as súas implicacións ambientais e sociais.
Cerceda, a 1 de xullo de 2019.- Os escolares do colexio Martagona de Melide (A Coruña), preocupados pola gran cantidade de lixo que se move no espazo (restos de foguetes e satélites vellos, partículas, etc) decidiron crear unha obra con material de refugallo de especiais características. Nin máis nin menos que un “Recolledor especial do intolerable lixo espacial”, iniciativa enmarcada nos premios “Recíclate con Sogama” 2018-2019.
Con forma de robot, aspira a invitar á reflexión sobre o carácter global que ten a xeración de residuos, habituais en terra, pero tamén no mar e no espazo, malia que a humanidade non os vexa.
O proxecto, coordinado pola profesora Mª Elena Pena Novás, contou coas achegas doutros docentes tales como Carmen Cardo Gómez, Mª Jesús López Abelairas, Raquel López Lema, Mª José Noguerol López e Manuel Varela Fernández.
Para crear este prototipo utilizaron diferentes materiais de refugallo. É o caso de plástico, nun 66,6% (garrafas de auga, vasos, tapóns de tetrabriks, tapas de botes de cacao e cápsulas de café), os propios briks, nun 13,3%; latas de refrescos e as súas argolas, nun 10%; papel de aluminio, nun 6,6%; xornais e cartóns, nun 1,9%; e porexpán, nun 1,6%.
Un robot recolledor100% ecolóxico e sostible, toda vez que leva implícito unha mensaxe claramente ambiental, de protección e limpeza da contorna, tanto na Terra como no resto do universo, pero tamén social, a través da formación e a concienciación dos pequenos, que xa se encargaron de trasladar as boas prácticas aos seus respectivos fogares.
O alumnado deste colexio tivo a oportunidade de visitar o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda o pasado mes de xuño, onde enriqueceron a súa bagaxe ambiental, solventaron as súas dúbidas no ámbito da recollida selectiva e aprenderon algúns conceptos vinculados á economía circular,que vela pola menor xeración de residuos, o máximo aproveitamento dos produtos e a transformación de residuos en recursos.
Saúdos, Departamento de Comunicación