- Entre estes atópase “Recíclate con Sogama”, que estará orientado a 25 centros escolares de primaria, sendo o seu obxectivo impulsar a recollida selectiva dos distintos residuos xerados nas aulas e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes para que sexan reciclados.
- A pretensión desta nova convocatoria do Plan Proxecta+ é facilitar a integración nos centros de programas educativos comprometidos cos ODS da Axenda 2030 e que fomenten o papel activo do alumnado ante os desafíos sociais, económicos e ambientais.
Cerceda, a 23 de setembro de 2022.- O vindeiro luns, 26 de setembro, conclúe o prazo para que os centros interesados presenten as súas candidaturas á participación nos programas adscritos ao Plan Proxecta+, entre os que se atopa “Recíclate con Sogama”.
Tal e como se recolle na Resolución de 20 de maio de 2022, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, o obxectivo desta convocatoria é facilitar a integración, nos centros de ensino non universitario, de programas educativos que estean comprometidos cos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) e que fomenten o papel activo do alumnado ante os desafíos sociais, económicos e ambientais da sociedade actual e de futuro, prestando especial atención á igualdade de xénero e a coeducación, a competencia dixital, a promoción de hábitos de vida saudables, a educación intercultural, a transición ecolóxica e a sustentabilidade.
Co Plan Proxecta+ búscase avanzar nas dinámicas de mellora da calidade educativa favorecendo a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede do alumnado e o profesorado implicado. É por isto que un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro no que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.
Así, o plan pivota sobre tres eixos: organización, apoio e avaliación e recoñecemento, sendo as súas grandes liñas estratéxicas o desenvolvemento de iniciativas vinculadas aos obxectivos da Axenda 2030, o desenvolvemento das competencias transversais e a utilización de métodos pedagóxicos comúns.
PROTOCOLO ESTABLECIDO
Unha comisión de selección avaliará a solicitude dos centros, segundo os criterios publicados por cada programa. No caso de “Recíclate con Sogama”, dirixido a 25 centros de Educación Primaria, é necesario que os candidatos non participasen en edicións anteriores, que presenten unha proposta axustada aos obxectivos do programa e que sexa de calidade e, no caso de que o número de centros interesados supere o de ofertados, centros candidatos que cumpran cos dous requisitos anteriores, a selección farase por orde de solicitude. En todo caso, non poderán participar aqueles centros que pertenzan a concellos que non estean adheridos ao sistema Sogama.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade certificará, segundo a normativa vixente, a participación do profesorado no Plan Proxecta+ como actividade de innovación educativa cunha equivalencia de horas de formación permanente do profesorado. En todo caso, esta certificación estará supeditada á avaliación positiva do desenvolvemento do programa realizada pola comisión de selección.
SOBRE “RECÍCLATE CON SOGAMA”
Tras unha década en vigor, a pretensión do programa “Recíclate con Sogama” é promover a recollida selectiva dos distintos residuos xerados nas aulas e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes para propiciar a súa reciclaxe e, polo tanto, a súa transformación en novos recursos.
Con tal fin, Sogama proporcionará aos centros participantes os medios necesarios, tanto materiais como loxísticos e didácticos, para que poidan levar a cabo os seus proxectos con absolutas garantías.
Convocatoria Plan Proxecta+ 2022-2023 http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/content_type/learningobject/2022/06/09/2fd3650812165fd37e2787083f26f41f.pdf
Ficha programa “Recíclate con Sogama” http://www.edu.xunta.gal/portal/node/6220
Saúdos, Departamento de Comunicación